Renóvase o firme de catro rúas de San Xoán – Bertón
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou esta mañá San Xoán onde se reuniu cos representantes da asociación de veciños co obxectivo de supervisar as actuacións de mantemento e mellora desenvolvidas dentro da cuarta fase do Plan de Barrios. Ademais, o primeiro edil da cidade recolleu as suxestións veciñais para vindeiras actuacións no barrio. Nesta xuntanza de traballo tamén participaron o concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, e edil do barrio, Borja Carro Muñoz; así como os técnicos municipais que exercen de supervisores dos servizos que presta a Administración local.
No que atinxe ás intervencións realizadas, Jose Manuel Rey Varela repasou coa entidade veciñal os traballos de renovación integral de rúas executados ou en execución por parte de Tragsa –empresa que se encarga deste programa posto en marcha o pasado mes de outubro polo Goberno Municipal-. Así, en San Xoán – Bertón actuouse nas rúas Carricoa, Colombia, Bertón e Campo de Chao; e ademais da renovación do firme de todas elas a intervención inclúe o seu pintado e sinalización. Ademais, o rexedor ferrolá informou á xunta de veciños que esta mesma maña a Mesa de Contratación do Concello de Ferrol aprobou a adxudicación da mellora do parque infantil da praza Rosalía de Castro, en que se colocará un “muelle” para os menores de 2 a 6 anos; e un columpio mixto con dous asientos –un para bebés de 0 a 3 anos e outro para menores de 3 a 14 anos-. Tamén se reforzará o firme da zona reservada para xogos, onde se instalará loseta de caucho.
Por outra banda, Jose Manuel Rey destacou que o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), cuxa redacción está nestes momentos en contratación, permitirá solucionar as carencias de solo dotacional que existen en San Xoán, o que permitirá “atender a demandas moi razoables que propoñen os veciños, como a ampliación do centro de saúde e do centro cívico”, apuntou. Ao respecto do PXOM, o alcalde manifestou que a previsión é ter un primeiro avance listo neste mandato. E ao fío de novas actuacións urbanísticas no barrio, o rexedor ferrolá anotou como prioritarias para o vindeiro ano completar a eliminación do tapón urbanístico na rúa Río Xubia, o que permitiría a reurbanización deste viario cuxo pavimento renovouse integramente recentemente; e avanzar nas expropiacións de Basanta.
Plan de Barrios
Por último, Jose Manuel Rey Varela repasou as actuacións de mellora e mantemento levadas a cabo en materia de viarios, limpeza, pintado e sinalización, iluminación, abastecemento de auga, zonas verdes e parques infantís. Estas actuacións acometidas no barrio de San Xoán – Bertón polos servizos municipais e empresas que traballan para o Concello ascenden a preto de 90.000 euros e as máis destacadas son as seguintes:
– Roce e chapeo en todo o barrio, con especial atención á Praza Toxos e Froles, Espiño, Souto e solares de Río Xubia.
– Un total de 8.068 metros cadrados de tarefas de mantemento e limpeza de zonas verdes, así como traballos de poda en Río Xubia, rúa Cadaval e Praza de San Xoán. Ademais da prantación de 250 flores de estación.
– Instalación de catro bancos, dous na rúa Venezuela e outros dous na estrada de Castela con Nicasio Pérez.
– Revisión do funcionamento e estado dos xogos en parques infantís e biosaudables.
– Traballos especiais de roce e limpeza da zona baixo a FE-13 e rúa Ernesto Guerra de Cal.
– Colocación dun espello no viario Campo de Chao cara a Valenta.
– Actuacións de mantemento correctivo e preventivo en todo o barrio así como o control de calidade do servizo de augas.











