Regresa a gala benéfica de Nadal en Ferrol que destinará o recadado ao centro O Mencer
A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, presentou esta mañá a “Gala Benéfica de Nadal 2014” que se celebrará o vindeiro 6 de decembro no Teatro Jofre. O espectáculo dará comezo ás 20:30 horas e as entradas, a un prezo de 5 euros, pódense adquirir no despacho do teatro municipal ou a través de internet, na páxina web oficial do Concello de Ferrol: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural). A edil Rosa Martínez estivo acompañada pola representante das Irmás Oblatas do Santísimo Redentor, Rosa Etchevarría.
Martínez Beceiro explicou que a gala consistirá nun concerto a cargo do grupo ferrolán “Pádel Rock” e o que se recade irá destinado de maneira íntegra ao Centro O Mencer, que xestionan as Irmás Oblatas. Neste senso, a edil de Benestar Social agradeceu a colaboración “totalmente altruísta” da agrupación ferrolá e destacou a solidariedade dos ferroláns “coa participación en cada evento benéfico que se organiza na cidade”. Tamén tivo palabras de agradecemento para o traballo das Irmás Oblatas e a boa coordinación que teñen cos servizos sociais. O acto comezará coa proxección dun vídeo conmemorativo do 150 aniversario desta organización relixiosa orientada á integración socio-laboral de mulleres en situación de vulnerabilidade así como a súa autonomía persoal e a sensibilización da sociedade co colectivo.
Pola súa banda, Rosario Etchevarría agradeceu a colaboración do Concello de Ferrol neste evento solidario “que para nós é moi importante”. A representante da entidade relixiosa tamén explicou as diferentes actividades e iniciativas que realizan como o servizo gratuíto social, psicolóxico e xurídico que atendeu a un total de 334 mulleres – e as súas familias – ao longo do pasado ano 2013, das cales o 83,5% foron inmigrantes.
Así mesmo, dende o Centro O Mencer se desenvolven cursos formativos de auxiliar socio-sanitario para a atención de persoas dependentes en institucións sociais ou de hostalería que acadaron 62 insercións laborais no 2013. Neste senso, sinalou que actualmente se está a desenvolver o segundo curso desta especialidade sanitaria e que se prolongará ata o vindeiro mes de decembro.











