Recoñecemento para a Factoría de Innovación de Vigo como exemplo de boa práctica Feder I+D+i
A Dirección General de Fondos Comunitarios recoñeceu á primeira edición da Factoría de Innovación de Vigo como unha das dúas mellores actuacións (“As Boas Prácticas”) do Programa FEDER I+D+i de 2013 por e para o beneficio das empresas.
O organismo, que con este recoñecemento pon de manifesto as mellores actuacións cofinanciadas a través dos fondos europeos da política rexional, destacou a elevada difusión conseguida pola primeira edición da Factoría de Innovación de Vigo (Centro de Excelencia) entre os beneficiarios e o público xeral, cuxa estratexia de comunicación de 360º foi executada por MundiNova Consultores de Comunicación. A través deste plan de divulgación, no que se incluíron elementos innovadores e que combinou accións comunicativas a nivel interno, externo e online -medios dixitais e novas plataformas, como landing page propia, perfís en redes sociais e divulgación online directa ao seu público obxectivo-, conseguíronse 389 noticias en diferentes medios de comunicación nacionais e autonómicos, e chegouse a unha audiencia de preto de 11 millóns de persoas.
Como resultado, máis de 750 empresas e profesionais de diferentes sectores de Vigo e a súa área de influencia participaron entre 2012 e 2013 no amplo programa de actividades realizadas pola Factoría de Innovación de Vigo, e beneficiáronse do seu programa de adestramento individualizado un total de 30 empresas que, tuteladas por un coach de innovación, puideron identificar e definir os seus propios proxectos de I+D+i.
Para este recoñecemento, a Dirección General de Fondos Comunitarios da Unión Europea destacou, ademais, o carácter innovador do proxecto da Factoría de Innovación de Vigo, primeira en Galicia e cuxa estratexia de creación xurdiu dun acordo entre o Consorcio da Zona Franca de Vigo, a Universidade de Vigo e a Escola de Organización Industrial (EOI), favorecendo a descentralización da I+D+i. O obxectivo fundamental desta iniciativa foi pór en marcha un centro de excelencia e referencia en innovación e tecnoloxía para a peme e todas as liñas de actividade que se abordaron incluíron, nunha ou outra medida, o desenvolvemento de novas ferramentas e procesos innovadores, que se foron consolidando no seu percorrido até a actualidade.
A Factoría de Innovación de Vigo está promovida polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI), o Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) e pola Universidade de Vigo (UVIGO); e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Na súa primeira edición, foron colaboradores os centros tecnolóxicos AIMEN, ANFACO-CECOPESCA e CTAG, e as consultoras Everis, Inova e MundiNova Consultores de Comunicación.
Actualmente, atópase desenvolvendo a súa segunda edición, na que ademais de actividades abertas para o empresariado galego en materia de I+D+i, púxose en marcha un novo Programa de Adestramento Individualizado, no que participan un total de 36 pequenas e medianas empresas, consolidándose como un punto estratéxico para a innovación empresarial en Galicia.











