Puy nega maltrato do partido cara Ángel Currás
O voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, asegurou que, polo que el “sabe”, o seu partido “non maltratou” ao exrexedor compostelano e ata agora concelleiro popular Ángel Currás, quen renunciou á súa acta, ao tempo que esgrimiu que, na súa opinión, un cargo público non debe esperar máis agradecemento que o da “súa propia conciencia” polo “deber cumprido”.
“Eu entendín sempre que é así”, subliñou Puy, en rolda de prensa, antes de resaltar que el mesmo traballou “moito” para o PPdeG e non por iso entende que cando deixe as súas “obrigas” terá que ser “mellor ou peor tratado”. “Aquí estamos para o que estamos, porque queremos e para cumprir o noso deber”, aseverou.
“Esa é a satisfacción, cumprir o deber”, subliñou o voceiro popular, quen insistiu, malia remarcar que se trata dunha opinión “persoal”, en que un cargo non debe “esperar ningún tipo de agradecemento máis alá do que vén da súa propia conciencia por cumprir o deber que cada un márcase por estar no público”.
Tamén rexeitou que se “maltratase” a Currás, con independencia de que el puidera percibir” que podería recibir “algún trato doutra índole” do PPdeG. “Iso depende do listón que se fixe cada un”, reflexionou, para remarcar que, a nivel persoal, entende que a el ninguén ten a “obriga” de agradecelo “nada”.
“Aínda que ao final todos somos humanos e a todos nos gusta que nos digan que facemos as cousas mellor que peor”, recoñeceu.
“VOLTA Á NORMALIDADE”
Á marxe de cuestións “subxectivas” como o trato recibido por Currás por parte do PPdeG, o voceiro popular remitiuse ás declaracións do propio exrexedor para subliñar que el mesmo negou “presións” para que marchase.
Iso si, destacou que, tras os “eventos” que tiveron lugar na Casa do concello compostelano -onde só queda a edil Reyes Leis dende principios do actual mandato-, dende que tomou o bastón de mando municipal o exconselleiro Agustín Hernández percíbese “unha sensación de volta á normalidade” e de “certa tranquilidade”.











