publicidade hoxe

Protección Civil de Neda realizou 130 operativos ao longo do pasado ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

A Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil de Neda realizou, ao longo do pasado ano, un total de 126 operativos, nos que participaron ata 435 efectivos. Balance que esta mañá facían público. Neste sentido, e aínda que non se inclúe nesas cifras, a Agrupación tamén participa día a día na atención aos peregrinos no Albergue Municipal da real vila. Un extraordinario traballo que a nivel autonómico, en pasadas datas, recibía dous importantes recoñecementos: a Medalla de Ouro de Galicia por parte da Xunta de Galicia e máis o VII Solidarios Galicia na categoría de estamento da Administración Pública que concede anualmente a Fundación ONCE. Uns títulos que Protección Civil de Galicia entregou ás agrupacións e que, no caso de Neda, o xefe da Agrupación local, Adolfo Picos, entregaba o pasado venres ao alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, para que pasen a exporse nas dependencias municipais.

Foi nun acto celebrado na Casa da Cultura, ante a veciñanza e no transcurso da presentación da Revista de Neda. E, no mesmo, o público asistente tamén quixo valorar cunha ovación o traballo da Agrupación. Nesta liña, os voluntarios participaron neste pasado ano tanto en operativos programados dentro do Concello como en operativos de emerxencias. No primeiro caso, as festas de entroido, Semana Santa, festivais escolares, marchas deportivas ou celebracións como a Festa do Pan ou Xuviño. No segundo caso, os máis significativos ao longo do ano foron os accidentes de tráfico ocorridos no termo municipal, seguidos dos operativos activados por animais abandonados ou perdidos ou outros atropelados. Destacar que todos os anos se rexistran varias saídas co vehículo motobomba contra incendios por avisos de lume en edificios. A isto hai que engadir colaboracións con outros concellos por determinadas actividades –Valdoviño co Pantin Classic ou Ferrol co Rally-.

19 de novembro de 2014 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.