Preséntase na Deputación de Pontevedra o trofeo Luis Otero que disputarán o Celta e o Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedraPontevedraVigo
A-
A+
Presentación do trofeo Luis Otero

Presentación do trofeo Luis Otero

As deputadas Begoña Estévez e Ana Isabel Vázquez, a presidenta do Pontevedra FC, Lupe Murillo, e o conselleiro do Celta CF, Antonio Rosendo, presentaron hoxe o trofeo Luis Otero, que disputarán o Celta e o Pontevedra o 12 de novembro, ás 20:45 h, no estadio de Pasarón, en Pontevedra.

Este trofeo, segundo Rosendo, conta cunha longa historia, un notable prestixio e diversas participacións do Celta de Vigo. Pola súa banda, Lupe Murillo mostroulles o seu agradecemento ó club vigués e á Deputación por posibilitar unha nova edición.

O trofeo Luis Otero naceu en 1959, catro anos despois do falecemento do deportista pontevedrés que lle dá nome. Ten un dobre valor: por unha banda, é un recoñecemento e unha homenaxe á valía deste histórico futbolista e, pola outra, permítelle á cidade contar cada ano cun partido de alto nivel, que, nesta edición, enfrontará o Pontevedra Club de Fútbol co Real Club Celta de Vigo.

Ana Isabel Vázquez sinalou que a iniciativa permite, ademais, manter viva a memoria de Luis Otero para que sirva de exemplo e aliciente para todos aqueles que, nesta provincia, aman o deporte do balón. Nesta ocasión o trofeo non se desenvolverá, como é habitual, nos meses de verán, senón que terá lugar coa liga en pleno funcionamento; non por iso perde interese nin expectación, máxime se temos en conta que vai medir os equipos das dúas principais cidades da provincia.

Ó longo da historia pasaron por este torneo os principais equipos galegos pero tamén destacados clubs do panorama nacional e internacional, coma o Real Betis, o Racing de Santander, o Rayo Vallecano ou o Sporting de Gijón, así como o Fútbol Club Oporto, o Club Estudiantes de La Plata (Arxentina), o Sporting Club de Braga e mesmo a Selección Nacional de Hungría.

10 de novembro de 2014 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.