Portos de Galicia instalará novos pantaláns no porto de Aguete

Visita do presidente de Portos de Galicia a Marín
Portos de Galicia instalará novos pantaláns no porto de Aguete, no municipio pontevedrés de Marín. Así yo confirmou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, á alcaldesa, nun encontro institucional na Casa do Concello para abordar as actuacións que se desenvolverán no peirao autonómico da localidade.
Durán Hermida informou á alcaldesa de que o seu departamento está a tramitar xa a adquisición e instalación de novos pantaláns en substitución dos existentes, deteriorados a causa dos temporais. Deste xeito, nas vindeiras semanas, as instalacións náutico recreativas de Aguete contarán con novas infraestruturas de amarre que contribúan á maior seguridade das embarcacións.
Esta actuación requerirá dun investimento de máis de 50.000 euros e dá resposta a unha demanda reiterada por parte dos usuarios do peirao de Aguete así como do Concello de Marín. Os novos pantaláns, ao igual que os existentes ata o momento, serán xestionados de xeito directo por Portos de Galicia, que ostenta a explotación desta infraestrutura e coordina a operatividade do peirao xunto co clube náutico da localidade.
A dotación de pantaláns en Aguete enmárcase dentro dunha proposta global do ente público para renovar estas infraestruturas en diversos puntos do litoral galego. Deste modo, Portos de Galicia pretende dar cumprimento ao seu compromiso de garantir as mellores condicións posibles ás instalacións portuarios de cara ao próximo inverno e aos posibles fenómenos meteorolóxicos adversos.











