Ponte Caldelas solicita á Xunta a creación dun punto limpo no parque empresarial da Reigosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, informou que negocia coa Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta a instalación dun punto limpo nunha parcela municipal de 1.417 metros cadrados situada no parque empresarial da Reigosa.

Para iso, a Xunta de Goberno Local aprobou solicitar ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o financiamento ao 100% da construción dun punto limpo na parcela P-17 do parque empresarial da Reigosa de 1.417 m2. Trátase desta parcela triangular que está destinada urbanisticamente para este uso e que foi decida no seu día ao Concello por Xestur, cando se cederon os viarios, zonas verdes e equipamentos.

O Concello unha vez construído ese punto limpo debe facerse cargo da explotación, mantemento e conservación do mesmo.

Perfecto Rodríguez mantivo xa unha reunión con responsables da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta co fin de que este proxecto poida afrontarse no ano 2015.

O punto limpo está destinado para que os veciños do municipio teñan un lugar no que depositar de maneira ordenada os residuos que non poidan ser depositados nos colectores que hai nas rúas, tales como tubos fluorescentes, pequenos residuos de obras procedentes de pequenas reparacións, aveños, colchóns, botes de pinturas etc. Algúns deses aveños agora recóllense en semanas alternas con previa chamada a un teléfono da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo. Co punto limpo ese servizo manteríase, pero os veciños terían a posibilidade de levalos directamente ao momento limpo sen esperar aos días de recollida.

O rexedor de Ponte Caldelas prevé que o uso deste punto limpo teña un horario de atención ao público co fin de que poida ser utilizado con comodidade e de modo gratuíto polos veciños do municipio como un elemento voluntario e complementario do servizo de recollida de lixos existente.

O alcalde xa visitou recentemente algún outro punto limpo como o instalado no Grove, para coñecer o seu funcionamento. Estes puntos limpos están totalmente pechados e acondicionados con distintos colectores por cada residuo, mantendo sempre un aspecto ordenado que non o diferencia doutra parcela do polígono.

SERVIZO AO CIDADÁN QUE FAVORECE A RECUPERACIÓN E A RECICLAXE DE MATERIAIS

Segundo Perfecto Rodríguez, os obxectivos principais do punto limpo serán a recuperación dos materiais contidos nos residuos para a súa reciclaxe, como o papel, vidro, metais, etc. á vez que se evita a vertedura incontrolada de cascallo e residuos voluminosos como mobles ou electrodomésticos. Así mesmo, o punto limpo permitirá separar os residuos xerados nos fogares que representen un risco para o medio ambiente como os medicamentos, pilas, pinturas etc. e tamén permitirá o depósito de cascallos de pequenas reparacións, restos de podas e cortes, roupa e calzado, cristal, louza, fluorescentes e luminarias de vapor de mercurio, disolventes, vernices e pinturas, pilas e baterías, aerosois, aceites minerais e vexetais, usados, procedentes de particulares.

O punto limpo non aceptará materia orgánica nin residuos industriais de grandes e medianas empresas xa que estas teñen que ter establecido un sistema correcto de xestión dos residuos que producen.

7 de novembro de 2014 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.