publicidade hoxe

Ponte Caldelas realiza obras na avenida de Vigo para evitar inundacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas está a levar a cabo obras de corrección na Avenida de Vigo co fin de evitar as inundacións que se producen, á altura do parque infantil, cando se rexistran choivas torrenciais. Entre os traballos que se están acometendo están o reforzo con outra tubaxe de pluviais na rúa Rosalía de Castro para que recolla mellor a enorme cantidade de auga que procede das confluencias entre a Avenida de Pontevedra, rúa Brasil e Concepción Arenal coa que baixa da zona do Instituto e o Colexio Cordo Boullosa.

Tamén se procederá a rebaixar o paso de peóns, que se sobre elevara para mellorar a seguridade viaria na rúa, porque tanto os veciños como os operarios municipais detectaron que en momentos de máxima precipitación metereolóxica producíase un embolsamento de auga, pola presenza do “lombo”, que facilitaba a inundación duns baixos próximos.

Posteriormente a estes traballos, tomaranse medidas disuasorias para que os moitos vehículos que utilizan esta rúa non excedan a velocidade pondo en serio risco aos viandantes e, en especial, aos nenos que utilizan o parque infantil que se atopa nas inmediacións.

Con esta actuación, o Concello de Ponte Caldelas pretende solucionar un problema que se produce de maneira puntual cando chove de maneira torrencial e a enorme cantidade de auga que se acumula no sistema de evacuación de augas pluviais non dá abasto. Co reforzo dunha nova tubaxe a maiores na rúa Rosalía de Castro e o rebaixe do paso de peóns elevado na Avenida de Vigo espera que o problema quede totalmente solucionado.

25 de novembro de 2014 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.