Pleno extraordinario en Ferrol para aprobar os orzamentos de 2015
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, convocou un pleno extraordinario para o vindeiro venres día 21 para a aprobación inicial dos Presupostos Xerais do Concello para o ano 2015. Estes orzamentos son os cuartos do presente mandato que se presentan en tempo e forma, de tal maneira que entrarán en vigor ao inicio do novo exercicio económico. O montante global das contas municipais para a anualidade que vén ascende a un total de 53,9 millóns de euros –o que supón un incremento do 0,28% con respecto ás contas locais aínda en vigor-, salientando as partidas económicas destinadas a Área de Benestar Social e ao capítulo de Investimentos: 6,5 e 5,8 millóns de euros de fondos propios, respectivamente, e sen necesidade de recorrer a endebedamento.
Ao respecto do principal documento económico da Administración municipal, o concelleiro responsable da Área de Economía, Facenda e Patrimonio, Alejandro Langtry Caínzos, destacou hoxe que a nova proposta orzamentaria “é equilibrada” e que “pretende ir reducindo o endebedamento da cidade”, facendo fincapé no feito de que o vindeiro ano a débeda municipal diminuirá preto dos 5 millóns de euros dende o comezo do presente mandato. Neste senso, Langtry Caínzos sinalou a importancia do reaxuste de gastos para dedicar máis fondos propios e máis recursos a Área de Benestar Social e a investimentos.
Así as cousas, Langtry Caínzos insistiu en dúas realidades que se recollen no presuposto de 2015. A primeira que a área de Benestar é a que máis se incrementa en relación ao presente exercicio –case un 9%-; e a segunda, a presenza no capítulo de investimentos de actuacións para seguir desenvolvendo o proxecto de cidade Ferrol 2020: rehabilitación dos xardíns de San Francisco e dos baixos da Costa de Mella, recuperación do Cantón de Molíns, a continuación da reurbanización da rúa Alegre ou a finalización das obras do Centro Cívico, para Persoas Maiores e a Infancia de Canido.











