“Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago” exponse en Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O luns día 01 de decembro, ás 17 horas, inaugurarase na Sala de Exposicións de Verín a mostra fotográfica e audiovisual “Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago”.

O acto, no que se prevé a asistencia de Rafael Sánchez Bargiela, director-xerente da S.A de Xestión do Plan Xacobeo, e do alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, encádrase na programación que promove Turismo de Galicia con motivo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

Para realizar a exposición, o fotógrafo Manuel Valcárcel e o músico Alexandro González realizaron en datas recentes unha viaxe seguindo os pasos que dera o santo en 1214 por Italia, Francia, o norte de España e a Galicia xacobea. A súa peculiar peregrinación, que en Verín se poderá contemplar até o día 10, preséntana en 50 fotografías a gran formato e un audiovisual de 10 minutos de duración.

“Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago” trata de servir de encontro a dúas sensibilidades, a franciscana e a xacobea, intimamente ligadas aos valores humanos e espirituais do Camiño de Santiago. Para iso, os autores centráronse na tradición cultural e á relixiosidade que impregna os lugares e os camiños a Santiago, ligados á orixe evanxélica da tradición cristiá sobre a que se asenta a mentalidade e a historia cultural dos pobos de Europa.

A busca espiritual escenifícase na penumbra dos templos, ante o resplandecente brillo dos altares, na plenitude da natureza, no intercambio de acenos e palabras cos compañeiros de ruta, na calma dos albergues, ou no medio do balbordo de mesóns e tabernas. Os motivos de ocio, de turismo cultural, o sentimento de aventura, galvanizan en boa medida os ánimos dos modernos peregrinos. Pero nesta rede de apetencias mundanas segue a brillar unha lapa de espiritualidade que reforza a vontade de cada cal, axudándoo a superar esforzos e esquecer cansazos, logrando que o peregrino do século XXI reviva unha tradición cultural milenaria.

 As claves principais deste feito histórico vivo –os seus valores universais, o seu legado cultural, a súa capacidade para potenciar aspectos como a comprensión, o intercambio, a solidariedade, a hospitalidade– están recollidas en “Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago”.

28 de novembro de 2014 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.