Pepo Suevos achega o seu “Humor salvaxe” a Fene
O showman ferrolán Pepo Suevos tomará o relevo de Evaristo Calvo este venres no ciclo de monólogos “As risas son boas” que impulsa o Concello de Fene no marco dos actos conmemorativos do XXX Aniversario do Museo do Humor. Ofrecerá ao público o seu último espectáculo, que denomina “Humor salvaxe”, a partires das 20 horas na Casa da Cultura do municipio. A Concellería de Cultura lembra que a entrada é gratuíta, aínda que se precisa retirar invitación previamente na propia Casa da Cultura, o mesmo venres a partires das 16 horas (e un máximo de dúas por persoa).
Pepo Suevos é na actualidade un dos humoristas máis cotizados e con maior experiencia de Galicia (coñecido pola súa participación en filmes e series como Luar, Land Rober, Piratas, Terra de Miranda ou Heroína). En 2003, foi candidato ao Mestre Mateo á Mellor Interpretación por Entre bateas.
O ciclo de monólogos continuará na xornada do luns 24 de novembro. Coincidindo cos actos centrais do aniversario, actuará na Casa da Cultura de Fene a actriz Isabel Risco, interpretando a “Chelo García Naveira, máis coñecida como Naviza Girl, unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida e con super-poderes que proveñen do sulfato”.
E, o venres 28, o ciclo tocará ao seu fin coa Compañía Viriscrón (dúo formado polo actor-creador Ricardo de Barreiro e polo músico-compositor Guillerme Fernández). O espectáculo que presentarán ese día, “Sobre o desamor e outras mariconadas”, parte do poemario homónimo de Barreiro, integrándose nel os versos con música e a acción escénica.











