Pedreira lamenta que “Estúa estea moi ocupado con outros cargos e por iso presenta alegacións aos orzamentos de Cervo fóra de prazo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

A edil de Facenda, Yolanda Pedreira, lamentou hoxe que o BNG de Cervo “presentase as alegacións aos orzamentos de 2015 cando o prazo xa estaba pechado”. Pedreira explica que a oposición tivo 15 días hábiles para rexistrar as súas alegacións “pero o señor Estúa estaría moi ocupado asesorando na Deputación e preocupado por outros concellos da provincia”.

Para a edil, Estúa debería explicar aos veciños, e especialmente a aqueles que o votaron, “a que dedica o seu tempo como líder do BNG de Cervo” sen esquecer que “é un representante público liberado, que cobra 27.000 euros por dedicarse exclusivamente á política e, aínda así, chega tarde cando se trata de presentar alegacións a un documento tan importante como os presupostos do seu concello”.

Pedreira cuestiona “as prioridades do portavoz de Cervo, que parece moito máis interesado en traballar para o BNG na Deputación que para os cervenses”. “Quizais tivo moito traballo asesorando para que Monterroso tivese un campo de fútbol de herba artificial e pasou por alto os asuntos de Cervo”.

“É unha pena que os veciños teñan que ver como Estúa se pon en evidencia demostrando un nulo interese polos temas municipais”, dando a ver coa súa actitude que “ou ben non sabe como funciona a administración, ou si o sabe pero non lle preocupa chegar tarde”.

17 de novembro de 2014 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.