Pavel Pumprla terá que pagar unha merenda ao equipo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O xogador do Rio Natura Monbus Obradoiro, Pavel Pumprla, viu recoñecido hoxe o seu traballo ante o Montakit Fuenlabrada sendo incluído no Quinteto da Xornada da liga endesa, representando o apartado de “actitude”.

Non sen razón, o beirado checho foi un dos nomes do partido dos de Moncho Fernández, sumando 23 puntos de valoración, con 17 puntos e 3 rebotes entre outras acccións, e promovendo coa súa enerxía a remontada que os galegos comezaron tras o descanso, para acabar levándose a vitoria ante os de Luís Casimiro.

O xogador declara sentirse “moi orgulloso de que un xogador do noso equipo, neste caso eu mesmo, sexa unha das caras da xornada, porque iso significa que todos traballamos para deixar o triunfo en casa, pero non hai recoñecemento mellor que o da afección aplaudindo a todos cando finalizou o encontro”. Ademais, “agora terei que recompensar aos meus compañeiros cunha merenda”, chanceou, en relación á tradición do equipo pola que cando un é incluído no Quinteto da Xornada debe convidar aos demais a este aperitivo.

17 de novembro de 2014 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.