Pavel Pumprla: ”O Valencia Basket Club é un dos mellores equipos da liga”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Unha vez retomados os adestramentos, algún dos protagonistas do pasado fin de semana no partido que enfrontou ao Rio Natura Monbus Obradoiro e ao Iberostar Tenerife, que se resolveu con vitoria visitante, quixeron valorar as claves que decantaron o choque en favor do combiando de Alejandro Martínez, pero tamén pensar xa no próximo rival: o Valencia Basket club de Velimir Perasovic (domingo 9 – 19:30 horas).

Pavel Pumprla, que xogou unha gran segunda metade o domingo para acabar con 14 puntos e sete rebotes, destaca o elevado acerto no tiro dos tinerfeños e recoñece que “nunca podes esperar que un equipo teña tanto acerto” pero fixo autocrítica, xa que admite que “se deixas ao opoñente tirar só tantas veces, o normal é que a metan. Son xogadores profesionais de Liga Endesa”. Destaca como positiva “a agresividade que mostramos na segunda metade, dificultámoslles moito anotar” á vez que engade que “é unha competición moi dura e cando vas 20 abaixo é moi difícil remontar. Gastamos moita forza para achegarnos até os 10, pero logo perdemos fluidez e eles seguiron anotando”.

Pola súa banda, Fran Cárdenas, mellor xogador dos galllegos con 17 de valoración, afirma que “eles foron xustos vencedores, xogaron mellor que nós” e manifesta, resignado, que “o noso acerto non foi o doutros días, fallamos bastantes tiros liberados”.

O equipo enfoca xa no punto de mira a valenciana Fonte de San Luís, a súa seguinte parada no calendario. Pavel comenta da Valencia Basket Club que “é un dos mellores equipos da liga, están a xogar Euroliga, pero sabemos que podemos gañar a calquera. Imos alá a dalo todo e a tratar de conseguir a vitoria. Esta xornada xa queda no pasado e agora só nos fai traballar con máis garra aínda”. Pola súa banda, a base onubense afirma que “é un equipo moi complicado, pero se preparamos e traballamos ben esta semana podemos chegar alí e dar a sorpresa. Eles xogan venres competición europea, debemos aproveitar a mínima vantaxe que iso nos poida dar, aínda que está claro que é un persoal dabondo preparado para non notar o cansazo esaxeradamente“.

4 de novembro de 2014 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.