Patricia Ulloa sinala que o futuro do lácteo galego pasa pola sinatura de contratos de longa duración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal Portada
A-
A+
Patricia Ulloa nas charlas informativas na Coruña

Patricia Ulloa nas charlas informativas na Coruña

O futuro do sector lácteo galego pasa, entre outras cuestións, por minimizar os efectos dunha posible taxa láctea e pola sinatura de contratos de como mínimo 12 meses, nos que o prezo estea referenciado a algún indicador de mercado. Tamén, porque as organizacións de produtores aproveiten as potencialidades que lles outorga o paquete lácteo, negociación colectiva dos contratos de leite entre produtores e compradores, e pola mellora na xestión técnico-económica das explotacións, incrementando a base territorial e mellorando a súa eficiencia enerxética. Así o destacou esta mañá a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, durante a súa participación na xornada O sector lácteo galego cara un futuro sen cotas.

Ademais Patricia Ulloa destacou o importante papel que Galicia ten na produción de leite de vaca a nivel estatal. Neste sentido, lembrou que a nosa Comunidade aporta o 56 % dos produtores con cota dispoñible, o 40 % das vacas leiteiras e o 39 % das entregas de leite.

Por outra banda, salientou que se ten producido un incremento das entregas de leite en Galicia na serie histórica e nos últimos meses. Así, destacou que na nosa Comunidade o pasado mes de agosto de 2014 o incremento respecto ao mesmo mes do ano anterior chegou aos 11,2 millóns de quilos. Ademais, nese mes, Galicia rexistrou o 37,7% do incremento do total do leite a nivel nacional.

Para unha mellor xestión do sector, a Consellería do Medio Rural e do Mar vén de poñer á súa disposición a ferramenta informática “Xacobea”, que, tal e como sinalou a directora xeral, permite que o prezo a pagar polo leite contratado se calcule tendo en conta a evolución actual dos prezos dos produtos lácteos no mercado, ofrecendo a posibilidade de compensar simultaneamente en función da evolución dos custes de produción. Sinalou tamén que todos os parámetros desta ferramenta informática son libremente configurables, para que as partes negociadoras decidan o peso que se lle dá a cada un deles.

Patricia Ulloa finalizou a súa intervención explicando o actual paquete lácteo e os cambios que se prevén para o novo, con contratos a un ano. Tamén fixo fincapé na posible introdución da figura do mediador e na capacidade sancionadora nos controis de campo sobre os contratos, entre outras cuestións.

5 de novembro de 2014 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.