Palabras, Faémino y Cansado e Música de Cámara entre as propostas culturais para esta semana en Ourense
A Concellería de Cultura desexa agradecer a todos os participantes, así coma ás asociacións colaboradoras o éxito das actividades do Samaín. O venres, máis de 1.000 persoas participaron durante a tarde nos obradoiros na Praza da Imprenta, e na posterior procesión das cabazas o que se consolida como unha data referente no Ciclo Festivo Ourensán. A actividade non cesa e, a falta dunha semana para os Magostos, o Concello de Ourense trae diversas propostas culturais que van desde o teatro ata a música de cámara.
Auditorio Municipal
Este espazo albergará o xoves ás 20.30 h a obra Palabras, da compañía Hika Teatroa. Aquí poderemos coñecer a historia de tres mulleres, un home… e un neno. Muller nova. Acadaba de casar co home que ama. Espello da felicidade. Muller madura. Hai tempo que casou co home que amaba. En continuo conflito. Espello da infelicidade. Muller maior. Esqueceu se algunha vez quixo algún home. Espello da tolemia, pero consciente de que, ao outro lado do espello, pode ser libre e feliz. Fantástico espectáculo que pola mañá terá un pase para escolares. As entradas teñen un prezo de 12 euros.
Un día máis tarde, Faémino y Cansado farán as delicias do público co seu traballo Como en casa ni hablar. Será a partir das 20.30 h e con este novísimo traballo pretenden que a xente ría cantas máis veces mellor, para ao saíren do teatro, fosen mellores persoas e atopasen o sentido da vida. E que utilizan para iso? 26 frases de contido hilarante espalladas durante a representación. As entradas pódense adquirir desde 20 euros.
Por último, o domingo temos cita coa actividade infantil, que cada semana congrega a máis familias para que os máis pequenos desfruten do teatro. Este vindeiro día 9 ás 12 h será o turno do espectáculo Ketkjas, da compañía Barafunda. Unha obra divertida que dará unha volta de rosca ás rutinas máis cotiás do baño. O aseo matutino pode converterse nunha auténtica odisea, se o fai o pallaso Pico. Desde unha perspectiva escatolóxica chea de humor e tenrura.
As entradas para as obras do Auditorio pódense adquirir en www.servinova.com ou dúas horas antes da actuación na billeteira do mesmo espazo.
Ciclo de Música Enclave de Cámara
A mellor música de cámara regresa ao Teatro Principal da man da Concellería de Cultura co concerto do dueto formado polo tenor José Manuel Zapata, e a guitarra Juan Francisco Padilla. Ambos interpretarán pezas de, entre outros Manuel de Falla, Joaquín Rodrigo, Carlos Guastavino ou Manuel García. Será como de costume, ás 20.30 h e as entradas pódense adquirir no Teatro Principal.











