Os xogos de maxia de “Ledicias” inundarán de sorrisos o Multiusos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón organiza, incluído no programa Ocio en familia, o espectáculo “Ledicias”, que terá lugar o vindeiro domingo 30 de novembro, ás 18:00 horas, no auditorio do Multiusos.

Segundo informou a concelleira Kely Monzón esta mañá, este espectáculo está baseado na maxia infantil, e durante o mesmo O Mago Paco fai un percorrido polos seus mellores xogos de maxia cos que pretenderá somerxer a todo o público no seu mundo fantástico, cheo de ilusión e sorrisos.

“Ledicias” é un espectáculo versátil, aberto e adaptado a calquera espazo de representación. Está guiado por unha peculiar personaxe, O Mago Paco, que fai de cada xogo un momento diferente, no que os nenos son os verdadeiros protagonistas, creando así un espectáculo propio dunha mente infantil, aloucado, ruidoso, dinámico e cheo de sorpresas. “Ledicias” é un espectáculo pensado para os nenos, creado polos nenos e no que goza toda a familia.

Os/As destinatarios/as son todas as familias con nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e 12 anos do Concello de Mos. Os obxectivos desta iniciativa consisten en promover a participación e o divertimento das familias de Mos, mellorar e aumentar os momentos de lecer compartidos entre os membros de cada familia, proporcionar ferramentas ás familias para a súa propia xestión do ocio e propiciar a interactuación e o contacto entre as diferentes familias do Concello.

A actividade do domingo está organizada e dirixida cunha metodoloxía exclusivamente dinámica e participativa, onde todos os membros das familias son os protagonistas.

26 de novembro de 2014 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.