publicidade hoxe

Os veciños de Monterroso contarán con novas instalacións deportivas financiadas pola Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMonterroso
A-
A+
Besteiro na visita a Monterroso

Besteiro na visita a Monterroso

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas, visitou este xoves dito Concello para coñecer de primeira man os espazos e infraestruturas nos que se levarán a cabo obras grazas a un convenio de colaboración por valor de 420.000 euros. Este financiamento permitirá dotar a este municipio da Ulloa de novas instalacións deportivas, das que desfrutarán os máis de 100 membros da Sociedade Deportiva Monterroso, así como as outras organizacións deportivas que o soliciten.

As obras están financiadas con 400.000 euros do organismo provincial, o que supón máis do 95 % do total, ao que hai que sumar 20.000 euros aportados polo Concello. Con estas novas actuacións, a institución provincial mellora os servizos e infraestruturas de Monterroso, neste caso deportivas, que consisten na mellora do campo de fútbol municipal e na instalación da herba artificial, no remate das obras da piscina municipal e na creación de dúas pistas de paddle. Trátanse de instalacións completamente públicas e municipais, que converterán á vila nun referente deportivo na Comarca da Ulloa.

Gómez Besteiro destacou que “dotar ao rural de novas infraestruturas públicas, neste caso deportivas, é vital para o futuro da nosa provincia, así como para o seu desenvolvemento económico, demográfico e social”.  O Presidente da Deputación tamén lembrou que durante os últimos anos, o organismo provincial investiu no Concello de Monterroso ao redor de 1,9 millóns de euros para mellorar o día a día dos veciños da provincia, dotando ao rural “de servizos e infraestruturas de calidade” que axudan a “frear a perda de poboación, evitando o éxodo do rural ao urbano”.

Pola súa banda, Gato Soengas agradeceu a colaboración e compromiso da institución provincial con Monterroso e afirmou que “sen a axuda da Deputación, que ano a ano segue apostando por este Concello, os veciños non poderían desfrutar dos servizos e infraestruturas básicas que calquera outro cidadán das cidades ten a súa disposición”.

7 de novembro de 2014 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.