Os usuarios dos Centros de Día de AFAL e as súas familias celebran o Magosto
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias (AFAL Ferrolterra) organiza esta semana o seu particular Magosto para os usuarios dos Centros de Día Terapéuticos que xestiona na cidade de Ferrol. Así, mañá xoves, 6 de novembro, a festa celebrarase nas instalacións da Rede Pública –na antiga Casa do Mar– e o venres, no centro da entidade situado na rúa Río Castro. En ambos os casos, as familias acompañarán aos usuarios e, nelas, non faltarán as tradicionais degustacións de castañas asadas e cocidas nin, tampouco, o baile.
O venres, e grazas á colaboración desinteresada de Joaquín Enríquez, contarase coa música de acordeón para amenizar a xornada. Segundo explicou a presidenta da asociación, Milagres Prieto Gondell, con estas actividades AFAL Ferrolterra busca ofrecer espazos de lecer compartido entre os usuarios do Centro de Día e as súas familias, con propostas do seu interese. Nesta liña, Milagres Prieto lembrou que a programación anual da asociación inclúe tamén outras citas temáticas como a celebración do Entroido ou, en próximas datas, a festa de Nadal, con baile, panxoliñas e degustación de produtos típicos da época.











