Os triplos da Valencia Basket someten ao Rio Natura Monbus Obradoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+
Valencia Basket - Obradoiro

Valencia Basket – Obradoiro

A Valencia Basket logrou a cuarta vitoria da tempada despois de superar na casa ao Rio Natura Monbus Obradoiro (81-64). O equipo “taronja”, liderado pola solvencia de Rafa Martínez (19 puntos, 5/6 en triplos, 24 de valoración) e Romain Sato (18 puntos, 6/8 en tiros de campo, 24 de valoración) creceu desde a defensa despois dun primeiro cuarto moi complicado.

O Obradoiro empezou sólido, cun gran Juanjo Triguero, moi aplaudido no seu retorno á Fonte de San Luís. O pivote de Gandía anotou catro puntos consecutivos, tras rebote ofensivo e posteriormente rematando en mate unha boa acción de Pavel Pumprla. Tamén se mostrou fluído no comezo a Valencia Basket, nun intercambio continuo de golpes (8-8, min. 3). Adam Waczynski atacou a Rafa Martínez, castigado por Perasovic e relegado ao banco deixando o seu lugar en cancha a Pau Ribas. O Rio Natura Monbus, crecido en defensa coa intimidación de Keaton Nankivil e o bo traballo reboteador de Triguero, disparouse no marcador coa anotación de Waczynski e unha fugaz contra de Rafa Luz. Tamén volveu a escena Maxi Kleber, ausente por lesión fai sete días en Sar. Desde a liña de persoal retáronse Valencia e Obradoiro antes de pór fin á primeira manga con oito puntos de vantaxe para a escuadra santiaguesa (15-23)

O equipo galego tiña coas mans atadas a un dos mellores ataques da competición, pero non tardaron en aparecer Romain Sato e Bojan Dubljevic para acougar á Fonteta. O acerto deu as costas a Corbacho en dúas accións liberadas nas que os seus triplos non atoparon premio, e as frechas “taronjas” deron a volta ao marcador grazas a un 2+1 de Sam Van Rossom. Tras o tempo morto solicitado por Moncho Fernández, erixiuse como líder Rafa Martínez, que buscou redimirse no seu retorno á pista, deixando á Valencia Basket coa súa máxima renda do partido ao intermedio (39-33).

Seguiu coa boneca quente o escolta de Santpedor no terceiro cuarto. Inaugurou o segundo tempo cun tiro afastado, e a veloz transición de Van Rossom puxo por primeira vez máis de dez puntos de colchón. Foi un espellismo o conato de reacción do Obradoiro cos cinco tantos consecutivos de Alberto Corbacho e o esforzo defensivo de Pumprla cun tapón e un roubo. Non deu pé a unha maior reacción o equipo adestrado por Velimir Perasovic, con Sato anotando de tres e unha boa porta atrás. Ademais, a agresiva presión a toda cancha dos valencianos, tamén asfixiantes nas liñas de pase e sólidos na defensa individual afogaron en ataque ao Obradoiro. Os galegos non foron capaces de sumar coa cadencia do primeiro cuarto, e mostráronse retóricos no movemento de balón ante a imposibilidade de facer chegar o balón aos beirados liberados ou aos homes interiores en situación de vantaxe. Os triplos de Rafa Martínez, que chegou cun espectacular cinco de seis ao final do terceiro cuarto puxeron na senda do triunfo á Valencia Basket (64-50).

A pesar de abrir cun lanzamento afastado o último cuarto Keaton Nankivil, a Valencia continuou co seu rodete e efectividade desde o arco de tres puntos. O Rio Natura Monbus, incapaz de sumar en ataques estáticos, quedou exposto á velocidade local con precisos contraataques. Sentenciaron Dubljevic e Pau Ribas, pondo unha distancia insalvable de máis de 20 puntos, e axustou o resultado o Obradoiro cos acertos de Corbacho e Nankivil.

Caeu na Fonteta un valente Rio Natura Monbus Obradoiro. Os homes de Moncho Fernández tentaron o asalto a un dos pavillóns máis complicados da liga Endesa, e por momentos puxeron o medo no corpo ao público local. Reaccionou desde a defensa a Valencia Basket e voou grazas a un elevado acerto en triplos, que roldou o 80% durante boa parte do partido, minando a moral galega e dilapidando as opcións de facer saltar a banca do Rio Natura Monbus Obradoiro, que é agora décimo na competición.

 

9 de novembro de 2014 | 22:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.