“Os tres porquiños” visitan Vilagarcía con música en galego e cun final alternativo
O teatro infantil regresa esta fin de semana a Vilagarcía cun conto clásico adaptado aos tempos que corren. Trátase de “Os Tres Porquiños”, que nas proximidades do San Martiño, representarase o domingo 16 de novembro, a partir das 18:00 horas no Auditorio. A versión galeguizada do conto corre da man da compañía viguesa EducaTeatro, que para darlle un toque especial, introduce temas musicais educativos, a personaxe dun explorador narrador e un final alternativo, con sorpresa.
EducaTeatro creuse o pasado mes de xaneiro e estreouse no mundo do teatro infantil con esta función que xa se representou en 25 localidades galegas con notable éxito de público. “Os Tres Porquiños fai escala en Vilagarcía este domingo no marco da xira de outono que comezou a pasada fin de semana en Vigo colgando a bandeira de completo nas dúas funcións previstas inicialmente e obrigando á produtora a realizar un terceiro pase para que todos os cativos tiveran a oportunidade de gozar desta divertida adaptación do clásico popular. Mil oitocentas persoas asistiron ás funcións de Vigo, polo que se espera que a acollida en Vilagarcía sexa igual de cálida.
O espectáculo está pensado para nenos e nenas de a partir de 2 anos. É un espectáculo musical representado por bonecos de tamaño real que conta co cinco actores en escena máis os técnicos. A obra ten unha duración de 50 minutos nos que, ademais de entreter e facer pasar un rato moi divertido a nenos e adultos, tamén ten unha finalidade educativa, de aí que a adaptación de EducaTeatro ademais de dinamizar inclúa cancións didácticas (muiñeira incluída) para que os nenos aprendan as cores ou saiban identificar aos animais polas onomatopeias dos sons que emiten por poñer dous exemplos. Todos son temas orixinais, compostos exclusivamente para esta montaxe.
As entradas xa están á venta ao prezo único de 6 euros. Pódense comprar anticipadamente a través de www.servinova.es, e da billeteira telefónica 902504500 (en ámbolos dous casos máis gastos de xestión); e tamén se poderán adquirir o mesmo día da función, no Auditorio a partir das 16:00 horas.











