Os sindicatos denuncian acoso laboral na Policía Autonómica na Coruña
Integrantes dos sindicatos con representación no Corpo Nacional de Policía -SUP, CEP e UFP- secundaron unha concentración na Coruña, ante a Xefatura da Policía Autonómica, para denunciar “acoso laboral” e “persecución sindical” nesta unidade.
Durante a concentración, á que asistiron unha trintena de persoas, procederon á lectura dun comunicado para demandar o cesamento do inspector xefe e xefe provincial, Antonio Nieto Lamas, e o do inspector e xefe do Grupo Accidental, Javier Teijido, “como máximos responsables da situación”, apuntaron.
En declaracións, o secretario federal territorial do SUP, Roberto González, sinalou que “nos últimos dous anos e medio” nesta unidade da Policía Autonómica se abriron “21 expedientes sancionadores”.
“E este ano son 11 para un equipo de 50 funcionarios”, indicou, tras contrapoñer este dato co do Corpo Nacional de Policía, onde “con 700 funcionarios, abríronse 8 expedientes”.
Roberto González denunciou o uso “abusivo” do réxime disciplinario e, como exemplo, sinalou que a un representante sindical “se lle suspendeu de funcións durante 75 días por unhas declaracións públicas sobre as sancións nunha concentración”.
Xunto a este exemplo, aludiu tamén ao caso dun policía “con sanción por realizar unha acta a bolígrafo en lugar de ordenador”. Por todo iso, pediu á Dirección Xeral que “tome medidas” no caso desta unidade.











