Os servizos municipais reparan as incidencias provocadas por temporais na Laracha
As intensas choivas e o forte vento do temporal que se deixou notar en Galicia durante a pasada fin de semana provocou incidencias na rede viaria municipal que nalgúns casos xa foron solventadas e noutros serán corrixidas por completo ao longo desta tarde.
Ditos problemas consistiron, esencialmente, no desbordamento de cañerías, sumidoiros e desaugadoiros, así como a presenza de barro na superficie da calzada e de certos desprendementos de terra.
A zona máis afectada foi a estrada de acceso ao lugar de O Campo de Trixezo, na parroquia de Soandres, onde se produciu un importante corremento de terra que provocou que a vía tivese que ser cortada ao tráfico desde a pasada noite. Os servizos municipais están completando os traballos para despexar a estrada e a previsión é que a última hora da tarde de hoxe poida restablecerse a circulación dos vehículos. Mentres, a área afectada está correspondentemente sinalizada para advertir aos vehículos da restrición ao tráfico.
As boas condicións da rede viaria municipal e as obras de mantemento realizadas durante os últimos meses permitiron que se rexistrasen poucas incidencias durante a pasada fin de semana. Cabe salientar que na estrada da zona de Trixezo, a máis afectada, o goberno local xa ten proxectada unha actuación de mellora que se pretende incluír entre os proxectos a financiar con cargo á anualidade 2015 do Plan provincial de apoio ás obras e servizos de competencia municipal (POS).











