Os novos toldos da praza rebáixanse para cubrir maior superficie
A concelleira de Mercados, Rocío Llovo, desprazouse este mediodía á Praza de Abastos xunto con responsables da empresa que se encarga das obras de remodelación dos postos exteriores co obxectivo de poñer fin á desconformidade dalgúns concesionarios respecto aos toldos que se están a instalar. Para lograr que as novas lonas ofrezan unha zona de protección máis ampla a vendedores e clientes, acordouse rebaixar o seu ancoraxe á altura mínima que permite o PXOM.
A medida levarase a cabo de xeito inminente, tal como se lles comunicou aos vendedores alí mesmo. Os toldos novos fixaranse á fachada da Praza de xeito que os faldóns que colgan deles non estean a unha altura inferior aos 2,10 metros respecto ao chan, a medida mínima establecida na normativa urbanística municipal. Ao baixarse uns centímetros, lógrase que a superficie de cobertura e protección da choiva ou do sol aumente. Un dato a ter en conta é que os toldos que se están a instalar teñen moito máis voo que os que os que había ata o de agora e que, aínda por riba, non cumprían coa normativa en canto a altura, xa que nalgúns casos os faldóns colgaban ata o 1,70 metros, co que moita xente daba con eles ou tiña que agocharse para pasar.
A instalación dos novos sistemas terá que ter en contra outro requisito especificado no PXOM que é que, estendido totalmente o toldo, o faldón debe quedar separado da perpendicular do bode da beirarrúa 60 centímetros como mínimo.
A instalación dos novos toldos lévase a cabo a través dunha actuación de modernización e mellora da imaxe dos postos exteriores da Praza de Abastos de Vilagarcía, a efectos de continuar coas medidas de acondicionamento e dinamización do mercado público. O proxecto inclúe tamén a instalación de persianas de peche metálicas en cada posto, vinilos nas cristaleiras do edificio principal para atenuar a filtración dos raios solares e instalación dunha cámara de frío no interior da sala. A concelleira puido constatar a total conformidade dos praceiros con estas outras medidas.











