Os Mecos anima a colaborar co rastriño beneficio dos nenos autistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O colectivo Os Mecos organiza a primeira fin de semana de decembro a terceira edición do rastriño benéfico. A Asociación de Pais e Nais de Persoas con Autismo fai un chamamento á solidariedade de particulares, negocios e empresas á colaborar na iniciativa que ten como finalidade recadar fondos para financiar as actividades extraescolares e de integración de rapaces con autismo. Poden facelo doando todo tipo de produtos e obxectos novos ou de segunda man, para poñer á venta no rastriño, ou tamén indo a compralos.

Esta será a terceira edición do rastro benéfico organizado por Os Mecos e que conta coa colaboración do Concello de Vilagarcía. Celebrarase os días 5, 6 e 7 de decembro na Praza da Peixería. Nestes momentos, a asociación traballa xa na recollida das doazóns de empresas e negocios e tamén se abre o prazo para que os particulares que desexen doar algo con antelación, poidan facelo chamando ao teléfono 986 508929 a efectos de que o colectivo vaia a recoller o donativo. Tamén se poderán levar estes obxectos directamente á Praza da peixería os días do mercadiño.

Os Mecos pretende agradecer a súa colaboración ás persoas que adquiran obxectos no mercadiño mediante o sorteo de varios lotes de produtos, principalmente alimenticios, doados por empresas e negocios da comarca, como viño, conservas, embutidos, produtos de Nadal, etc… Para elo, con cada compra realizara entregarase un boleto que o comprador deberá cubrir cos seus datos persoais e depositar na furna que se colocará na Praza da Peixería. A última tarde do mercadiño realizarase o sorteo.

Cos cartos que se recaden no mercadiño, Os Mecos financiará as actividades extraescolares a realizar polos seus fillos e que resultan imprescindibles e recomendables para o desenvolvemento físico, persoal e relacional das persoas con autismo, tales como musicoterapia, hípica, diferentes tipos de deportes ou saídas á comunidade.

13 de novembro de 2014 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.