Os hoteleiros de Santiago piden medidas para a dura tempada baixa

Rolda de prensa dos Hoteleiros de Santiago
Os hoteleiros de Santiago están “satisfeitos” cos “bos” datos de ocupación rexistrados durante este verán, aínda que fixeron fincapé na necesidade de pór en marcha medidas que palien a “dura” tempada baixa, na que se experimenta un forte “esborralle” nos datos.
Así o sinalou este martes o presidente da sección de Hospedaxe de Hostalaría Compostela, José Manuel Otero, que falou sobre os datos de ocupación estival nunha rolda de prensa tras unha reunión do Foro de Directores de Hotel.
Os hoteis e pensións de Santiago rexistraron durante o mes de outubro uns datos de ocupación “extraordinarios”, explicou José Manuel Otero, 20 puntos por encima dos rexistrados no mesmo mes do ano anterior.
En concreto, a ocupación media nos hoteis situouse no 71,86 por cento -subindo a un 80,29 por cento no caso dos hoteis de cinco estrelas- e nas pensións mantívose no 76,54 por cento, cifras significativamente superiores ás do ano anterior.
Otero atribuíu estas cifras á “influencia moi importante” do turismo de congresos que acolleu a cidade no último mes, así como á persistencia do bo tempo durante outubro. En conxunto, considerou que a tempada de verán na cidade foi “boa” e explicitou a “satisfacción” do sector tanto polos niveis de ocupación como polo prezo medio, que se mantivo en boas cifras.
TEMPADA BAIXA “MOI DURA”
A pesar destes datos, José Manuel Otero lembrou que, co inicio en novembro da tempada baixa, os datos de ocupación “esborrállanse” por factores como a climatoloxía ou a diminución das conexións aéreas.
“Esperemos que non baixen moito as tarifas neste último tramo do ano, aínda que a realidade vai ser que teremos un inverno moi duro”, sinalou José Manuel Otero, que criticou a oferta de aloxamentos “ilegais” na cidade, que fan competencia desleal”, e lamentou a oferta “sobredimensionada” de prazas hoteleiras en Santiago.
FORO DE HOTEIS
O Foro de Directores de Hotel de Santiago está a preparar un documento “moi completo” con propostas e peticións para “buscar solucións” á baixa ocupación durante o inverno. A previsión é entregar este documento ao alcalde, Agustín Hernández, “proximamente”.
Entre as cuestións que aborda este documento, Otero avanzou que fai fincapé na planta hoteleira “demasiado avultada” e a necesidade de “acoutala” para evitar que siga crecendo.
Neste sentido, situáronse en contra da posibilidade de que a vella terminal do aeroporto de Lavacolla se converta nun albergue, dado que “non hai necesidade” desa oferta.
Así mesmo, sinalan como “fundamental” o incentivo ao turismo de congresos e o apoio ao transporte aéreo. “Séguenos preocupando a conectividade”, sentenciou.











