Os facultativos do CHOP imparten un curso de reanimación cardiopulmonar avanzada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Facultativos da unidade de coidados intensivos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, coordinados polo doutor José Luís Martínez Melgar e pola Comisión de Docencia do Complexo pontevedrés, imparten no hospital Montecelo durante a presente semana e en horario de tarde un Curso de Reanimación Cardiopulmonar Avanzada.

Esta actividade docente conta co aval do Plan Nacional de Reanimación Cardiopulmonar e a Sociedade Española de Medicina Intensiva, Críticos e Unidades Coronarias (Semicyuc) e a European Resucitation Council (ERC), e vai dirixida aos facultativos internos residentes -MIR- de primeiro ano que se forman na área de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés. Neste curso impártense clases teórico-prácticas relacionadas co soporte vital avanzado que reciben os pacientes en situación de parada cardiorrespiratoria.

Así, dende a tarde do pasado luns 24 de novembro, o Curso de Reanimación Cardiopulmonar Avanzada está a analizar protocolos de actuación e cadros patolóxicos que presentan os pacientes en diversas situacións críticas.

Simulación práctica de casos

O Curso de Reanimación Cardiopulmonar Avanzada tamén está a efectuar ao longo desta semana numerosas simulacións prácticas interactivas, que analizan as atencións iniciais a pacientes con patoloxías respiratorias críticas (pneumotórax, obstrucións da vía aérea superior, atoramentos, asfixias e outras doenzas agudas).

Así mesmo, o programa do curso incide no estudo e aplicación interactiva por parte dos facultativos internos residentes doutros protocolos asistenciais efectuados a pacientes con síndromes coronarios agudos.

Esta actividade docente rematará o vindeiro venres no hospital Montecelo, cunha avaliación global teórica e práctica polos facultativos docentes, que se complementará coa execución de novas simulacións de casos efectuadas polos médicos internos residentes, nas que se supervisará a eficacia e calidade das técnicas aplicadas.

26 de novembro de 2014 | 10:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.