publicidade hoxe

Os corpos de Emerxencias de seis concellos da Mariña participan en Foz nun curso de prevención e loita contra incendios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLocal PortadaLugo
A-
A+

Un grupo de 25 membros de corpos de Protección Civil e servizos de emerxencias da Mariña participarán dende a tarde de hoxe e ata o 15 de novembro nun dos cursos de formación específica que convoca a Xunta de Galicia no marco da segunda quenda de cursos dispostos para este ano en Lugo.

Na actividade formativa que se desenvolverá en Foz, que ten por título Prevención e loita contra incendios urbanos e forestais, incidirase en aspectos como a actuación en distintas situacións de risco que se producen ante continxencias relacionadas cos lumes e ofrecerase tamén formación no ámbito dos primeiros auxilio.

Na actividade que comeza en Foz participarán representantes de grupos de Protección Civil e servizos de emerxencia de seis concellos da comarca da Mariña. En concreto, estarán presentes membros dos devanditos servizos de: Viveiro, Foz, Cervo, A Pontenova, Barreiros e O Valadouro.

Da organización e de impartir este curso encárgase a Dirección Xeral de Emerxencias, en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública. O curso desenvolverase nas instalacións do Centro de Interpretación da Mariña (Cenima) de Foz, comezando ás 20.00 horas de hoxe, cunha xornada que se estenderá ata ás 23.00 horas, tódolos días, excepto os sábados. A xornada de traballo dos sábados 8 e 15 de novembro será en dobre sesión: de 10.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas.

Os asistentes sumarán en total 40 horas formativas, culminando a programación horaria o sábado 15 coa realización dunha xornada de prácticas sobre os temas impartidos durante os cinco días previos de curso.

O curso de Foz, súmase aos sete que xa se realizaron nos últimos meses na provincia en localidades como Monterroso, Folgoso do Courel e Portomarín e cos que se está a levar a cabo un programa no que se inclúen, por exemplo, cursos sobre busca de persoas en zonas illadas e sobre accidentes en estradas.

6 de novembro de 2014 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.