Os clientes do CCA da Estrada escollen a cafetería Scala como o establecemento favorito da campaña Máis que comercio!

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+
Entrega do diploma aos responsables do establecemento

Entrega do diploma aos responsables do establecemento

Os participantes na iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de setembro nos negocios asociados ao CCA da Estrada elixiron como o seu establecemento favorito ao café bar Scala.

Este negocio foi o que máis clicks recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían o seu comercio preferido.

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, foi a encargada xunto co delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde estradense, José López, de entregar o diploma ao establecemento máis votado nun acto no que tamén se entregaron os agasallos aos clientes gañadores, salientou que Máis que Comercio! se centra en destacar o traballo dos centros comerciais abertos.

Unha fórmula que, tal e como salientou, permite desde o asociacionismo o desenvolvemento de estratexias para a posta en valor da ampla oferta comercial coa que contan as vilas e cidades galegas, en cuxas rúas comparten espazo coas tendas a hostalería e todo tipo de servizos. Do mesmo xeito, resáltanse os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade.

A iniciativa da Consellería de Economía e Industria, que na Estrada superou as 9.600 participacións, está a percorrer Galicia durante todo o ano, desenvolvéndose cada mes en cinco centros comerciais abertos.

Sol Vázquez Abeal lembrou que o impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao comercio de proximidade, dentro da cal se inclúe o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, nas cales o CCA da Estrada resultou beneficiado con apoios por 40.000 euros.

12 de novembro de 2014 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.