Os clientes de Compostela Monumental elixen a Garysom como o seu comercio favorito

Entrega do premio aos responsables do establecemento. Foto: C. Paz
A tenda de roupa Garysom foi escollida como o negocio favorito dos participantes na iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de outubro nos negocios asociados ao CCA Compostela Monumental.
Este comercio situado na rúa do Vilar foi o que máis clicks recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían o seu comercio preferido.
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, que foi a encargada xunto con responsables do CCA de entregar o diploma ao establecemento máis votado nun acto no que tamén se entregaron agasallos aos clientes gañadores, salientou que ademais de destacar o traballo dos centros comerciais abertos Máis que comercio! ten por obxectivo resaltar os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade.
A iniciativa da Consellería de Economía e Industria, que en Compostela Monumental sumou máis de 1.600 participacións, está a percorrer Galicia durante todo o ano, desenvolvéndose cada mes en cinco centros comerciais abertos.
Sol Vázquez Abeal lembrou que o impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao comercio de proximidade, dentro da cal se inclúe o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, nas cales Compostela Monumental resultou beneficiado con apoios por 40.000 euros.











