Os centros educativos Princesa de España, María Inmaculada, Amaro Refojo e Apostólico Mercedario participan no Pleno Infantil de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+
Pleno infantil de Verín

Pleno infantil de Verín

Un total de 153 alumnos/as de 6º de Primaria dos colexios Princesa de España, Amaro Refojo e María Inmaculada e de 1º de ESO do centro Apostólico Mercedario participaron na cuarta edición do Pleno Infantil celebrado esta mañá na Casa da Cultura de Verín, organizado por UNICEF e o departamento de Educación Familiar do Concello de Verín.

Durante a celebración desta sesión plenaria especial, que contou coa participación do rexedor municipal Juan Manuel Jiménez Morán, os/as nenos/as participantes comezaron a familiarizarse coas regras do xogo democrático, o uso da verba como medio para canalizar a opinión de cada un/unha, a liberdade de expresión e a ideoloxía, co ánimo de fomentar a convivencia nas aulas e aprender as normas e a sistemática do debate. “O Pleno Infantil ten a finalidade de conseguir que os máis pequenos aprendan a debater sobre as cuestións que lles interesan, construíndo argumentos, aprendendo a expoñelos e escoitando os argumentos dos demais”, subliñou o alcalde, que tamén que recordou que “considérase necesario impulsar un Pacto da Infancia, entre todas as forzas políticas, coa finalidade de que se intensifique a protección dos máis pequenos e de que se promovan axeitadamente as políticas públicas encamiñadas ao seu axeitado desenvolvemento e integración social”.

Tras a benvida por parte de Jiménez Morán, presentouse ao novo alcalde infantil, Miguel Quintas Parada pertencente a 6º de Primaria do CEIP Princesa de España -na última edición o elixido fora un alumno do CPR Plurilingüe María Inmaculada- A continuación, os catro colexios realizaron as súas exposicións e presentaron as súas propostas que xiraron sobre o fracaso escolar, crise demográfica, baixa inversión e pobreza e desigualdade.

Despois da votación das mesmas, aprobadas todas a maioría por unanimidade, tivo lugar a quenda de rogos nas que os/as menores preguntaron a Juan Manuel Jiménez Morán referentes a posibilidade de utilizar o salón de actos da Casa da Cultura para actividades de lecer tras a entrada en funcionamento do Centro das Artes, subvención para o coro infantil do colexio Amaro Refojo, apertura dun cine na localidade, construción dun novo parque de xogos para os/as menores e a realización dun maior número de eventos culturais, sociais e deportivos en Verín. O rexedor, na súa intervención, recordoulles todas as actuacións que se están a facer así como as futuras en materia cultural e deportiva como son: Centro das Artes, adecuación dos espazos anexos á Piscina Climatizada (remodelación do actual parque infantil, construción dun novo, e remodelación da zona traseira para a práctica do deporte), o parque da Preguiza (contempla espazos de lecer e deportivos nas proximidades do río Támega), novas pistas de pádel no complexo deportivo de A Granxa (ademais de dotar dunha cafetería ao recinto), ou mellora de espazos recreativos en Cabreiroá ou Tintores, entre outras. Tamén indicou que se apoiarán as iniciativas educativas e culturais propostas desde os centros, como o caso do coro, e se estudará a posibilidade de utilizar unha aula da Casa da Xuventude ou da Escola de Familia como espazo de lecer.

A continuación os diferentes colexios realizaron as súas preguntas que xiraron en torno ao absentismo escolar, labor no Senado e iniciativas de promoción económica e de emprego municipais. As mesmas tamén foron contestadas por Juan Manuel Jiménez Morán, explicando todas as actuacións que se están a promover desde o departamento de Educación Familiar no ámbito da educación, como son o programa Érguete, protocolos cos centros educativos en materia de prevención de absentismo escolar, clases de apoio e reforzo educativo ou clases para a obtención do título da ESO, entre outras. Tras abordar a súa labor no Senado, o alcalde explicou as medidas que se están a efectuar nos sectores produtivos, como o impulso ao agrario a través da viticultura, ampliación do polígono industrial de Pazos, aposta polo turismo e termalismo a través do Plan de Competitividade Turística Puertas de Galicia ou AECT Eurocidade Chaves-Verín, entre outras medidas.

Para finalizar realizaron unha petición conxunta en nome de todos/as os/as nenos/as de acudir ao Senado acompañados polo alcalde verinense, sinatura dun pacto en defensa e respecto dos dereitos da infancia e visita á casa consistorial.

28 de novembro de 2014 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.