Os Bolechas protagonizan a nova campaña da Deputación de Pontevedra contra o abandono dos animais

Presentación da campaña protagonizada polos Bolechas
Os Bolechas e o seu autobús chegaron esta mañá ó Centro Príncipe Felipe para presentar, cunha gran festa, a nova campaña de concienciación impulsada polo Centro de Acollida de Animais Abandonados da Armenteira (CAAN), dependente da Deputación de Pontevedra.
Fixérono entre a ledicia dos máis de 150 nenos, de entre 4 e 10 anos, que agardaban ansiosos non só para ver en directo uns dos seus personaxes favoritos senón para poder acariñar os cachorros chegados desde o CAAN no marco desta presentación.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, participou no acto, onde destacou o gran labor que se está a realizar desde o CAAN e o “ritmo alto” de adopcións que mantén o centro, con 535 animais adoptados desde a súa apertura fai 17 meses.
Louzán quixo agradecer o compromiso das familias que optan por darlles un novo fogar a estes animais e animou a todos os que estean en condicións de adoptar a que o fagan, dándolle unha nova oportunidade a algún dos centos de animais que cada ano son abandonados na nosa provincia.
A sensibilización social como eixe
Este é, precisamente, un dos obxectivos centrais da campaña, que comeza tan só dous meses despois de que rematase a anterior, cun notable éxito, xa que, só un mes despois de iniciarse, as adopcións se multiplicaron, pasando dunhas poucas á semana a superar a media de unha diaria.
A nova campaña consta de dúas partes: unha orientada ós adultos e outra centrada nos máis cativos e nas súas familias, cos Bolechas como protagonistas.
Baixo o lema ¿E ti, de quen vés sendo? preténdese promover a identificación dos animais co correspondente microchip, xa que na actualidade, malia ser obrigatorio por lei, unha gran maioría está sen identificar; de feito, o 80% dos animais recollidos no CAAN carecían do obrigatorio microchip. Unha das vantaxes desta identificación é que se evita o extravío dos animais.
Para concienciar sobre esta necesidade editáronse 15.000 carteis e trípticos que se están a distribuír nos concellos da provincia, en centros escolares, clínicas veterinarias e outros centros frecuentados pola poboación.
Os beneficios do microchip foron comprobados, por exemplo, polos propietarios dos 215 cans extraviados recollidos polo CAAN, que puideron recuperar as súas mascotas rapidamente e sen ningún custo.
Non pasou o mesmo cos donos doutros 244 animais que carecían de identificación, que tiveron que ser trasladados ó centro para poder localizar os seus donos.
Contos, actividades, xogos e pósters dos Bolechas
A esta parte da campaña súmase a destinada á concienciación dos máis pequenos sobre o coidado dos animais, e ¡qué mellor maneira de chegar ós máis pequenos que a través das súas personaxes preferidas! Os Bolechas son, así, os protagonistas desta parte da campaña ó ensinarlles ós máis cativos o respecto polos animais, os coidados que lles hai que prestar ou o rexeitamento do abandono.
Fano a través de 8.000 exemplares do libro titulado Os Bolechas van ao CAAN e da propia web dos Bolechas, que inclúe unidades didácticas, xogos en liña, pósters, miniguías e toda unha serie de recursos centrados na promoción dunha tenza responsable dos animais, á que os máis pequenos da casa poden acceder desde hoxe mesmo no enlace http://www.osbolechas.com/caan/.
Os libros serán distribuídos en centros escolares e bibliotecas e poderán descargarse tamén, de forma gratuíta, na citada web.
Previr
Con esta nova campaña de sensibilización e concienciación a Deputación pretende seguir afondando na que foi e segue a ser unha das ideas centrais da posta en marcha do CAAN: traballar a prol da redución dos abandonos, fomentar as adopcións e concienciar a poboación contra o maltrato dos animais.
Louzán subliñou que se trata dun labor primordial porque reducir os abandonos debe ser sempre o prioritario.
3.000 intervencións
A gravidade do problema do abandono dos animais dedúcese das máis de 3.000 intervencións que, nos seus 17 meses de funcionamento, realizou o CAAN, o que quere dicir que os operarios do centro acudiron a chamadas alertando de cans abandonados practicamente seis veces ó día.
Como dato positivo está a adopción de 535 animais e o feito de que 459 puidesen ser devoltos ós seus propietarios; en total son preto de 1.000 cans que deambulaban polas rúas e que puideron atopar un fogar.











