Os alumnos mosenses da ESO reciben charlas preventivas da violencia e a conflitividade
A concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil mosense Kely Monzón está a levar a cabo unha actividade preventiva da violencia e conflitividade dirixida ó alumnado de segundo e terceiro cursos da ESO do Concello de Mos.
Sobre esta iniciativa Monzón declarou esta mañá que “a conflitividade nas aulas, e en xeral, o aumento de condutas conflitivas na mocidade hoxe en día, é un aspecto preocupante sobre o cal é necesario traballar. Por este motivo quixemos traballar este tema a través do programa KTORCE 18, co cal se ofrece información da responsabilidade penal do menor, a cargo da Asociación Arela e coa colaboración da Fundación Barrié”.
Normalmente, os medios de comunicación fanse eco da Lei 5/2000 en distintas direccións: informacións sobre menores que delinquen destacando o acontecemento illado, informacións sobre as vantaxes que para os menores ten a posta en marcha da lei, e informacións sobre a falta de recursos necesarios para que a aplicación da lei non sexa un fracaso.
Máis non existe apenas información sobre a cantidade de medidas impostas polos xulgados de menores nin se informa sobre a complexidade da realidade de cada menor que delinque ou da responsabilidade colectiva con respecto ó tipo de sociedade que se constrúe e o tipo de comportamentos que se potencian na mesma.
Por outra banda, ocúltanse as desvantaxes polas que pasa un menor infractor con respecto dun adulto. Moitos dos delitos ou faltas tipificados no Código Penal que se converterían nunha sanción administrativa para un adulto, convérsense nunha intervención educativa de calado para un menor de idade xa que a lei permite que, ademais de ter en conta o tipo de delito cometido, tamén se estuden as circunstancias sociofamiliares do presunto infractor, o que fai que en función das mesmas se poida aplicar unha medida reformadora ou outra, porque o espírito da lei é especialmente educativo.
Esta actividade ten un claro obxectivo preventivo das condutas infractoras máis salientables nos adolescentes, facendo especial fincapé no acoso escolar, as redes sociais, o maltrato familiar … e en todos aqueles temas e situacións que viven de cerca os adolescentes, explicando as consecuencias legais e a responsabilidade dos menores nas mesmas.
As charlas estanse levando a cabo no IES de Mos e no Colexio Lar. Comezaron onte e prolongaranse ata o vindeiro venres, día 7 de novembro. E beneficiaranse delas un total de 265 rapaces e rapazas, 220 alumnos do Instituto e 45 do Lar.











