Os adolescentes de Mos demostran que as bases para a igualdade neste Concello son firmes

Actos contra a violencia de xénero en Mos
Hoxe, 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero e en Mos celébranse con tal motivo actos en horario matinal e vespertino. Pola mañá realizouse unha Mesa Simbólica sobre Violencia de Xénero coa participación do alumnado de 1º de Bacharelato do IES de Mos, que contou coa asistencia da xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, María Paz Pérez Asorey, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira mosense de Benestar Social, Sara Cebreiro, representantes dos grupos políticos da Corporación Municipal, membros dos corpos de seguridade de actuación local, e traballadores municipais do departamento de Benestar Social entre outras personalidades.
Durante esta Mesa Simbólica, que deu comezo ás 12.00 horas no Multiusos, presentáronse os resultados do estudo realizado polos alumnos e alumnas do Instituto sobre a percepción de condutas relacionadas coa violencia de xénero dende o alumnado do IES de Mos, valoráronse ditos resultados e aportáronse suxestións sobre os mesmos por parte de cada organismo implicado e deuse lectura da moción presentada pola Corporación Municipal do Concello de Mos, que realizou voluntariamente unha alumna Instituto.
O estudo levado a cabo polo alumnado do Instituto consistiu na realización dunha enquisa totalmente anónima sobre a percepción da violencia de xénero por parte dos propios estudantes do IES. Do total de 519 alumnos e alumnas que ten o centro, participaron activamente na enquisa 506 rapaces e rapazas, cifra que representa a práctica totalidade do alumnado.
Nos resultados de dita enquisa reflíctese a opinión e valoración sobre conductas violentas e sexistas por parte dos enquisados. Estes resultados foron comparados polos alumnos participantes neste proxecto cos datos xerais do último estudo a nivel nacional. E de dita comparativa estraxéronse resultados satisfactorios dos que se conclúe que os do IES son adolescentes moi concienciados, aínda que continúan vixentes certos estereotipos de xénero negativos, a xustificación da agresividade nalgúns casos e tamén observaron que predominan nos rapaces fronte ás rapazas o arraigamento de ítems referentes á violencia e á agresividade; pero sen que ningunha destas pinceladas negativas sexan nin moito menos maioritarias.
Así mesmo, e vistos os resultados expostos, tanto os propios estudantes autores deste proxecto de análise coma o resto de membros integrantes da Mesa Simbólica, concluiron que non se debe de baixar a garda e cómpre continuar a desenvolver dende as administracións campañas de prevención e concienciación contra a violencia de xénero, así como promover a educación dende as idades máis temperás a prol dunha normal convivencia en parella. Sen esquecer, de todos xeitos, os resultados esperanzadores do estudo.
‘CurtaMos coa violencia’
Por último, esta tarde, a partir das 20.30 horas levarase a cabo no Auditorio do Centro Dotacional de Torroso a proxección de sete historias enmarcadas no Ciclo de Curtametraxes ‘CurtaMos coa violencia’. Os títulos que os asistentes poderán visionar de xeito totalmente gratuíto son ‘El orden de las cosas’, ‘No aguanto a tus padres’, ‘Miente’, ‘Recursos humanos’, ‘La cruz’, ‘Deazularrojo’ e ‘Libre directo’.











