Os 4 parques do Consorcio Provincial contra incendios realizaron preto de 900 intervencións
Os catro parques que integran o Consorcio Provincial para a prestación do servizo contra incendios e salvamento realizaron, no que vai de ano, preto de 900 intervencións en toda a súa área de cobertura.
O groso das actuacións centrouse en incendios e accidentes aínda que os 75 bombeiros que integran o servizo tamén tiveron que atender outras situacións de risco como rescates, inundacións ou perigos por temporais.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, destacou esta mañá o labor deste Consorcio, que acada “a súa plena consolidación” e que resulta “imprescindible nos tempos actuais”.
Louzán realizou estas declaracións tras o pleno do referido Consorcio, que aprobou inicialmente o orzamento do servizo para 2015 cunha contía de 3,2 millóns de euros financiados integramente pola Deputación e a Xunta de Galicia, un 50 % cada unha.
Neste sentido, salientou que a protección ante emerxencias e incendios tivo un enorme desenvolvemento nos últimos anos, pasando de ser practicamente inexistente en 1999, cando só Pontevedra e Vigo tiñan cobertura, a conseguir garantir este servizo para toda a poboación da provincia a través dos parques de bombeiros e dos grupos de emerxencias (GES).
Malia todo recoñeceu que algunhas zonas “non teñen a cobertura que nos gustaría” e que a medio prazo haberá que buscar fórmulas para seguir avanzando nesta liña.
Así, lembrou que os concellos de máis de 20.000 habitantes teñen que dispor deste servizo, que agora lles prestan a Xunta e mais a Deputación sen ningún custo para eles, e barallou a posibilidade de que, á hora de reforzalo, “teremos que buscar fórmulas que permitan que os que teñen esa responsabilidade de ter un parque e non o teñen asuman parte desa responsabilidade”.
Mentres tanto, incidiu no relevante labor que están a desenvolver os parques actuais, garantindo a seguridade non só das persoas senón tamén das empresas e atendendo múltiples situacións de risco para a poboación.
Intervencións por parques
Neste sentido, das 879 intervencións que se realizaron desde os parques que integran o servizo provincial no que vai de ano, 404 foron en incendios, tanto en vivendas coma en empresas, vehículos, contedores ou espazos públicos. A elas hai que lles sumar as 90 realizadas en accidentes de tráfico ou laborais.
Entre estes dous tipos de actuacións suman o 56 % das intervencións realizadas nos 4 parques desde o 1 de xaneiro ata o día de hoxe. As restantes actuacións refírense a rescates ou situacións de risco por temporais ou inundacións, entre outros.
Os bombeiros do parque do Porriño son os que realizaron máis intervencións no que vai de ano, cun total de 361, das cales 173 foron incendios e 52 foron accidentes.
Seguíronlles os do parque do Morrazo, situado en Bueu, que atenderon 215 intervencións, 73 en incendios e 10 en accidentes.
Os dos parques de Vilagarcía de Arousa e Ribadumia atenderon en conxunto máis de 300 actuacións (157 e 146 respectivamente), das cales 158 foron incendios e 28 accidentes.











