Obradoiro e Unika construirán xuntos o III Clínic Desmontando ao adestrador axudante
O Rio Natura Monbus Obradoiro prepara por terceiro ano consecutivo o Clínic “Desmontando ao adestrador axudante”, un proxecto que colabora cada ano na formación de técnicos axudantes ou de categorías base de toda Galicia. Nesta ocasión, o club terá a especial colaboración dunha firma que, aínda que noutro sector, coñece as dificultades e características das iniciativas en fase construción: Unika Proxectos e Obras, membro do Club de Empresas Obradoiro.
O encontro terá lugar o próximo verán, e volverá contar unha edición máis con relatoras de nivel internacional. Na primeira cita, celebrada en Santiago de Compostela, destacaron as presenzas de Hugo López, ex adestrador axudante do Real Madrid e actual adestrador de Malabo Kings, ou os propios Gonzalo Rodríguez Palmeiro e Víctor Pérez, adestradores axudantes do Rio Natura Monbus Obradoiro, entre outros. A pasada edición, que tomou forma en Boiro, contou coa presenza de Federico Fucá, adestrador axudante do Virtus Roma; Diego Ocampo, ex adestrador axudante do Baloncesto Sevilla e actual adestrador do UCAM Murcia; ou Jesús Ramírez, adestrador axudante do Ratiopharm Ulm, por exemplo.
Ambas as partes, representada a do Rio Natura monbus Obradoiro por Gonzalo Rodríguez Palmeiro e Víctor Pérez, adestradores axudantes do club; e a de Unika polo seu conselleiro delegado Alexandre Abalde, mostráronse “encantadas de abrir esta relación que non só vai ser frutífera para todos nós, senón tamén para todos os adestradores galegos e de toda España que poderán gozar deste clínic tan especial un ano máis”.
Ademais, a firma Unika tamén ocupará este ano un lugar especial dentro das categorías base do Rio Natura Monbus Obradoiro, serigrafiándose nos cobres de quecemento dos mozos xogadores.











