O XXVIII Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol reunirá a 34 talentos musicais de 10 países
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presentou esta mañá o XXVIII Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol que se celebra dende mañá e ata o vindeiro venres, día 28. O concerto inaugural e as probas eliminatorias terán lugar no Teatro Jofre, mentres que a final do certame será no novo Auditorio de Ferrol. O primeiro edil da cidade estivo acompañado pola presidenta do xurado do concurso, Natalia Lamas; o coordinador e director da Banda Municipal Ferrolá, Narciso Pillo; e o concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado.
Un total de 34 talentos musicais procedentes de 10 países participarán na vixésimo oitava edición do concurso de piano. Jose Manuel Rey manifestou que Ferrol será sede dun dos principais eventos culturais con proxección internacional de Galicia. Así mesmo, o rexedor municipal deu a benvida aos pianistas “que atoparán en Ferrol unha cidade filla da Ilustración e as Luces e que goza coa música”. O primeiro edil da cidade destacou a importancia do certame internacional para a consolidación da Marca Ferrol “dunha cidade que aposta pola cultura e a innovación”, ao tempo que lembrou a figura do director da Banda de Infantería do Terceiro Norte, Gregorio Baudot. “Comeza unha semana apaixonante para os amantes da música e do piano”, engadiu o alcalde.
Auditorio, unha acústica única en Galicia
Unha das principais novidades da XXVIII edición do Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol é que a final se celebrará o vindeiro día 28 no novo Auditorio de Ferrol a partir das 20:00 horas. Neste senso, tanto Natalia Lamas como Narciso Pillo resaltaron a boa acústica do novo equipamento ferrolán, ao que o edil de Cultura engadiu que “é o único auditorio de toda Galicia con concha acústica”. O concerto inaugural será mañá ás 20:00 horas no Teatro Jofre e correrá a cargo do pianista Leonel Morales que interpretará temas de Beethoven e Stravinsky. Os premios desta vixésimo oitava edición serán os seguintes:
– Primeiro Premio: Diploma e 12.000 euros.
– Segundo Premio: Diploma e 6.500 euros.
– Terceiro Premio: Diploma, e 4.000 euros.
– Premio ao Mellor Intérprete en Música Española: Diploma e 2.000 euros.
– Premio “Gregorio Baudot” ao Mellor Intérprete Galego: Diploma e a realización dun concerto organizado polo Concello de Ferrol.
Nesta vixésimo oitava edición destaca o incremento dos participantes españois, entre os que se atopan dous pianistas galegos. Máis polo miúdo, o número de concursantes por países é o que segue: España (8); Corea do Sur (7); Xapón (6); Italia (3); Estados Unidos, Rusia, Hungría e China (2); e Ucrania e Polonia (1).











