publicidade hoxe

O voluntariado de Oleiros presenta na casa do Concello o seu traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

Con motivo da celebración a próxima semana do Día do Voluntariado, unha representación do Voluntariado de Oleiros achegouse esta mañá ao Concello para presentar de primeira man ao alcalde os proxectos que están a desenvolver. Durante o encontro expuxeron tamén os proxectos futuros, así como o acto previsto para o próximo día 2 de decembro nas Torres de Santa Cruz.

O alcalde de Oleiros amosou todo o seu apoio e recoñecemento ao importante traballo que están a desenvolver este grupo de veciños e veciñas a través dos proxectos solidarios que hai en marcha, destacando o importante labor que ten nunha sociedade as persoas que de forma altruísta dedican o seu tempo e esforzo aos demais, á construción dunha sociedade máis xusta.

Acompañamento ás persoas maiores con problemas de soidade, a animación en centros de maiores e de persoas con discapacidade, o apoio nos programas de apoio e reforzo escolar, o achegamento dos fondos das bibliotecas ás persoas con problemas de mobilidade e o Banco Solidario son algún dos proxectos que nestes momentos se están levando a cabo organizados a través de grupos de traballo, autónomos, pero coordinados á vez a través de reunión mensuais na que hai unha posta en común de toda a actividade.

Un grupo que vai medrando pouco a pouco grazas ao esforzo que fan tamén na divulgación da súa actividade e no seu afán de incorporar novas persoas ao seu proxecto. Un traballo no que desde os Servizos Sociais do Concello de Oleiros se presta o seu apoio para que as persoas poidan canalizar o seu espírito solidario, coordinando e apoiando tecnicamente na posta en marcha de todas as súas ideas.

O próximo 2 de decembro, nas Torres de Santa Cruz, ás 18:30 h, terá lugar unha mesa redonda baixo o título “O voluntariado nas Mariñas”, unha experiencia na que os voluntarios e voluntarias dos concellos de Bergondo, Cambre e Oleiros expoñerán os seus proxectos e experiencias. Posteriormente haberá un diálogo no que poderán participar todas as persoas asistentes para tratar sobre as cuestións que preocupan ao voluntariado.

28 de novembro de 2014 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.