O TSXG falla a favor do Concello de A Estrada e da Xunta o primeiro contencioso contra o PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+

A Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de dictar unha sentenza favorable ao Concello da Estrada e á Xunta de Galicia nun dos cinco recursos presentados no seu día contra a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Esta sentenza, do pasado 13 de novembro de 2014, desestima o recurso contencioso-administrativo presentado por tres particulares contra a Xunta de Galicia e o Concello da Estrada no que solicitaban a anulación parcial do PXOM no referente ás determinacións recollidas na ficha nº 15 do Solo Urbanizable Delimitado -que afecta ao entorno final da rúa Irida- e reclamaban a cualificación dunha parcela da súa propiedade como Solo Urbano consolidado.

Nos fundamentos da sentenza, o TSXG sinala que “non hai consolidación edificatoria, senón un amplo espazo baleiro de construccións, e tampouco integración na malla urbana, porque o que existe en relación co solo urbano inmediato non é unha continuidade de características, senón unha simple contigüidade parcial, que non pode ser tida en conta a efectos de clasificación do solo”. “Acreditada a seguridade xurídica do PXOM” Ademais, como fundamento xurídico de fondo, o TSXG considera “indiscutido” que a maior parte desa parcela “establa clasificada no anterior planeamento como solo apto para urbanizar” e que “non se aprobou ningún instrumento para desenvolver e urbanizar os terreos así clasificados”, polo que, coa entrada en vigor da Lei 9/2002 é de aplicación o artigo 21 establece “a aplicación do réxime de solo rústico ao urbanizable non delimitado en tanto non se aprobe o correspondente instrumento de desenvolvemento”.

O concelleiro de apoio ao Urbanismo, Alberto Blanco, destaca que precisamente este foi un dos argumentos xurídicos defendidos polo goberno local na polémica con Aedru por mor da clasificación como Solo Urbano Non Consolidado na prolongación da rúa Antón Losada e na rúa 25 de Xullo. Polo tanto, considera que “esta sentenza acredita a seguridade xurídica do PXOM” e “respalda os criterios sólidos utilizados polo goberno local para clasificar as distintas bolsas de solo no novo planeamento”.

22 de novembro de 2014 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.