O Tempo de Teatro continúa en Carral este sábado con “A vida na charca”
O ciclo de teatro que ven desenvolvendo a Concellería de Cultura do Concello de Carral continúa este sábado presentando a obra A vida na charca, da compañía de teatro afeccionado Folerpas Teatro.
A función terá lugar ás 21:00 h no local Xente Nova de Tabeaio. A entrada é de balde.
A vida na charca é un espectáculo audiovisual creado a partir dun traballo de corpo e improvisación, que mergulla ao público nun heteroxéneo universo de situacións cun elevado grao de realismo e humor. A perspectiva que domina é sempre humorística e crítica. No espectáculo formúlanse diversas preguntas de actualidade, como o complexo universo das relacións humanas e as consecuencias destas na personalidade; as actitudes machistas que aínda predominan en diversos sectores da sociedade ou a influencia dos medios de comunicación na nosa sociedade.