O técnico do Santiago Futsal asegura que “ao Palau vaise con respecto pero sen ningún complexo”
O Santiago Futsal viaxa mañá a Barcelona para medirse ao terceiro clasificado da competición, o FC Barcelona, no partido da 12ª Xornada de Liga que se celebra mañá, xoves, ás 21h no Palau Blaugrana.
O técnico do conxunto galego, Santi Valladares, compareceu esta mañá en rolda de prensa e destacou o perigo do seu rival, un FC Barcelona que é terceiro na clasificación, actual campión de Europa, e que acaba de conseguir o pase á Final Four “Este Barcelona teno todo: portaría, gol, xogadores moi corpulentos que defenden moi ben, correcto en ataque. Conta con 14 internacionais e iso é por algo. É un equipo con moito potencial ao que é moi difícil facerlle gol. Pero nós imos ao Palau con respecto pero sen complexos, a xogar ao fútbol sala, e o partido deparará o gañador que mellor empregue as súas armas”.
O Santiago Futsal chega a Barcelona, a falta de 4 xornadas para finalizar a primeira volta, sendo o 5º equipo que menos goles encaixa e o 2º que menos goles marca. Valladares analizou tamén ambas as facetas do equipo “O equipo está a xogar a un nivel competitivo moi alto. Se é certo que non marcamos moitos goles porque nos custa, estamos a recibir moi poucos en contra. Superamos esa temerosidade e esas dúbidas en defensa, e a nivel táctico estou a ver melloras moi grandes. Só nos falta ter un pouco máis de fortuna ante o gol”.
O técnico galego resaltou a evolución, moi importante nun conxunto con tantos xogadores novos, que o conxunto galego realizou desde a 3ª xornada de Liga “Demos dous pasos positivos, o primeiro contra El Pozo Murcia en Murcia, onde o equipo competiu a un nivel altísimo e estivemos aí até o final; e outro no partido de Jumilla, onde o equipo deu outro estirón nunha cancha hostil cunha segunda parte moi competida. Agora imos ao Palau que, evidentemente, non é a cancha máis adecuada para cambiar o refacho, pero temos que ser competitivos. Estou seguro de que os resultados na segunda volta acompañarán, porque o equipo meréceo, e sumaremos puntos que nas primeira voltas escapáronsenos.”
O Santiago Futsal viaxará mañá a Barcelona coas baixas seguras de Lucho, que segue co proceso de recuperación da lesión de xeonllo que sufriu a tempada pasada, e Iván Rumbo que arrastra molestias no abdutor desde a semana pasada e gardará repouso.











