O Sergas asina o contrato para a construción do centro de saúde de Tui

Sinatura do contrato
A directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Lourdes Vilachán Angueira, e o representante da Unión Temporal de Empresas FCC+Taboada e Ramos, asinaron, recentemente, no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, o contrato para a construción do centro de saúde de Tui, cofinanciado ao 80% polo programa operativo Feder Galicia 2007-2013, por un importe de 4,1 millóns de euros e un prazo de execución das obras de 14 meses.
O centro de saúde de Tui, que poderá atender a unha poboación de máis de 18.000 persoas e terá unha superficie construída de máis de 3.500 metros cadrados, contará con 22 consultas na área de medicina xeral, 4 na área de pediatría, unha área destinada a matrona e educación maternal, unha área de odontoloxía, outra de fisioterapia e salas polivalentes. Na área de administración disporase dun arquivo, almacéns e outros servizos comúns. Terá, ademais, un Punto de Atención Continuada con sala de raios X e cunha zona de consultas e de observación.











