O sector extractivo de Galicia manifesta a súa preocupación polo imposto compensatorio ambiental mineiro
A Cámara Oficial Mineira de Galicia vén de remitirlle unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que llemanifesta a preocupación do sector extractivo galego pola creación do Imposto Compensatorio Ambiental Mineiro (ICAM). A entidade, órgano consultivo da Administración, lamenta a falta de consulta e de información previasao sector mineiro sobre a implantación da medida, ademais de cuestionar a fundamentación técnica e a xustificación do gravame.
Xunto coa carta enviouse un informe no que a Cámara expón as súas consideracións con respecto ao proxecto de imposto. Así, pon en cuestión a xustificación da medida porque penaliza unha actividade concreta, a minaría metálica, sen fundamentos técnicos que o avalen. Trátase, ademais, dunha actividade sometida a avaliación ambiental e á Declaración de Impacto Ambiental, polo que a súa afección ao medio xa está analizada e cuantificada.
A entidade tamén pon en dúbida a necesidade do gravame, dado que “os supostos obxectivos ambientais perseguidos xa están cubertos pola lexislación mineira vixente”, que establece garantías financeiras que aseguran a rehabilitación ambiental.
CONTRARIO A EUROPA
Por outra banda, segundo sinala a Cámara, o imposto “imposibilita o aproveitamento dun recurso público e é contrario ás políticas europeas en materia ambiental e industrial”. Para a entidade, esta realidade contrasta coas directrices da Unión Europea, que insiste na necesidade de garantir o acceso ás materias primas a prol da competitividade, e mesmo incentiva a exploración, extracción e salvagarda dos minerais.
Cómpre sinalar que os sectores dependentes do abastecemento de minerais non enerxéticos (industrias química, automobilística, aeroespacial, de maquinaria e equipamento, construción,…) representan o 70 por cento da industria europea e xeran anualmente 1,3 billóns de euros e 30 millóns de empregos.
CARÁCTER DESPROPORCIONADO
Asemade, o informe destaca o carácter desproporcionado do gravame, xa que, segundo estimacións feitas pola Cámara, “só en concepto de alteración da superficie, pode supoñer entre un 3 e un 14 por cento dos ingresos totais dunha explotación activa, suposto un entorno económico favorable”. A entidade apunta que en 2007, antes do inicio da crise, os resultados do sector representaron o 5,46 % dos ingresos, e que en 2010 estes resultados foron negativos, do -1,16 por cento.
Insístese en que a contía anual do imposto, 10.000 euros por hectárea, equivale ao prezo de adquisición dos terreos, segundo os datos publicados pola Consellería do Medio Rural. “Non cabe máis que concluír que a aplicación deste imposto impedirá o acceso e posta en valor dos recursos minerais metálicos de Galicia, subtraendo da riqueza do país recursos que o Estado considera de interese xeral”, engade.
A CÁMARA OFICIAL MINEIRA
A Cámara Oficial Mineira de Galicia é unha corporación de dereito público fundada no ano 1925 e un órgano consultivo da Administración tutelado pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. Representa o sector industrial dos recursos minerais na Comunidade autónoma, no que se inclúen os subsectores das augas minerais naturais envasadas, os áridos, os balnearios, a cerámica, a minaría enerxética, o granito, a lousa, as rochas industriais, a minaría metálica e outros sectores e colectivos conexos.











