O Santiago Futsal quere recuperar a maxia fronte a Ribeira Navarra
Mañá dispútase a 9ª xornada da liga, na que o Santiago Futsal recibe a un duro rival, Aspil Vidar Ribeira Navarra, ás 21h no Multiusos Fontes do Sar. O Santiago Futsal, que xogará o seu segundo partido en 3 días, chega coa moral alta tras lograr, o martes, a clasificación para os cuartos de final da Copa do Rei ante Magna Navarra.
Santiago Futsal e Aspil Vidal Ribeira Navarra, chegan en momentos moi diferentes para ambos os conxuntos. Os galegos ocupan a 11ª posición da clasificación con 9 puntos, e levan dúas xornadas sen puntuar, tras caer ante Xaén Paraíso Interior (2-1) e a semana pasada ante Levante UD DM (3-4). Pola súa banda, os de Tudela son 6º con 14 puntos, ocupando postos de Copa. Ribeira Navarra suma un total de 4 xornadas seguidas puntuando, a última o empate fronte a Xaén (2-2).
O equipo de Jose Lucas Mena volve ao Multiusos na súa cuarta tempada na Primeira División. Nas tres visitas anteriores cultivou unha vitoria, na tempada 12-13 (3-5), un empate, na tempada 11-12 (2-2) e unha derrota, a tempada pasada, na que se impuxo o Santiago Futsal por un contundente 6 a 2. Na memoria de moitos aínda se lembra o duelo de cuartos de final da Copa de España que enfrontou a ambos os equipos e que deu o pase a semifinais ao Santiago Futsal, tras dar a volta ao marcador no último minuto e imporse 4-5.
Os de Santi Valladares chegan ao partido de mañá, terceiro partido no Multiusos na última semana, tras lograr o pase a cuartos de final da Copa do Rei, feito que alenta ao persoal a conseguir a segunda vitoria consecutiva en tres días.
Sala de prensa
O técnico do Santiago Futsal, Santi Valladares, compareceu esta mañá ante os medios en rolda de prensa e valorou a situación do equipo de xogar dous partidos con tan pouca marxe de tempo “Eu creo que imos chegar ben. Onte tivemos unha sesión recuperatoria. Pero o aspecto físico non me preocupa, preocuparíame máis o aspecto mental se perdésemos o outro día. Pero despois de gañar o aspecto físico e mental equilíbrase e o equipo chegará ben.”
En canto ao partido de mañá fronte a Aspil Vidal Ribeira Navarra, o técnico galego apuntou que “vexo o partido moi complicado, por varios motivos. Un, que eles teñen xogadores que coñecen a forma de traballar do corpo técnico e iso é unha vantaxe a favor deles. E ademais, eles son un equipo que trata ben o balón, con posesións moi longas e que ten unha forma de competir moi peculiar, tanto en casa, ante a súa afección, como fóra.”
Santi Valladares sinala a evolución do persoal en cada partido e a importancia diso “Mañá xóganse tres puntos importantes ante Aspil, pero levamos unha serie de partidos xogados moi diferente. En cada partido o equipo vai crecendo e experimentando situacións distintas. A medida que vaian pasando partidos, e cando empece a segunda volta, veremos a un Santiago moito máis potente.”
Outra información
O Santiago Futsal pon á venda as entradas para os encontros que disputará o equipo este venres ante Aspil Vidal Ribeira Navarra e o martes fronte a Inter Movistar, os dous no Multiusos Fontes do Sar.
O prezo das entradas para o partido contra Aspil Vidal Ribeira Navarra será de 10€ adulto, 5€ xuvenil (13 a 17 anos) e 2€ nenos (menores de 13 anos).
O prezo das entradas para o partido do martes contra Inter Movistar no Multiusos ás 20.30h, será de 15€ adulto, 10€ xuvenil (13 a 17 anos) e 2€ nenos (menores de 13 anos).
Para todos aqueles que queiran gozar dos dous partidos por un prezo máis económico, o club pon á venda un abono especial que inclúe as entradas aos dous partidos (Aspil Vidal Ribeira Navarra e Inter Movistar) que terá un prezo de 20€ a entrada de adulto, 10 € a entrada xuvenil (13 a 17 anos) e 2€ os nenos (menores de 13 anos).
Os socios accederán de maneira gratuíta aos dous encontros ensinando o carné de abonado na porta de acceso ao pavillón.











