O Santiago Futsal clasifícase nos penaltis para os cuartos da Copa do Rei

Encontro entre o Santiago Futsal e o Magna Navarra

Encontro entre o Santiago Futsal e o Magna Navarra

Partido de dúas horas e media no Multiusos Fontes do Sar no que, tras a prórroga e a quenda de penaltis, o Santiago Futsal conseguiu o pase aos cuartos de final da Copa de Rei.

Nunha primeira parte que transcorreu de maneira lenta debido á sucesión de faltas que se cometeron nos primeiros minutos, foron os visitantes os que levaron o peso do encontro, xerando ocasións con tiros afastados que se ían desviados ou que detiña o meta local Iker López.

Co marcador igualado,na ocasión máis clara do Santiago Futsal, Kike erraría na definición ao recibir no segundo pau un balón de Lucas Bolo, que se marchou rozando o pau.

No minuto 12 a Magna Navarra cometería a sexta falta e Gallego adiantaría ao Santiago Futsal co lanzamento de dobre penalti. Só 5 minutos despois, Roberto Martil faría a igualada cando máis perigo xeraba o conxunto visitante. Eseverri marcaría o segundo só 3 minutos despois e daría a volta ao marcador. Pero na última xogada de ataque da primeira parte do conxunto de Santi Valladares, unha falta dos visitantes levaría ao Santiago Futsal ao 2-2 co tiro de 10 metros de Gallego.

Tras o descanso, viviríanse os minutos de maior igualada do encontro con golpeos dun e outro conxunto, pero sen que as ocasións rematasen en gol. Sería o Santiago Futsal o que, no minuto 29, lograría pór o 3-2 no luminoso co gol de Pablo Tallón ao segundo pau tras pase de Marci. Chegaba con perigo o conxunto local, e nunha xogada persoal de Gallego, que consegue dar un magnífico pase a Santi entre dous rivais, o 19 de Santiago marcaría desde medio campo o 4-2.

Magna Navarra arriscaría os últimos minutos con porteiro xogador e Javi Eseverri marcaría o 4-3 nunha contra do conxunto visitante a falta de dous minutos para o final. Eses dous últimos minutos serían claves para a eliminatoria. Chegaría o 5-3 co gol de Lucas Bolo, pero a falta dun minuto e de 6 segundos, respectivamente, Jesulito lograría a igualada para os seus e levaba o partido á prórroga.

Marc Tolrá adiantaría aos seus na primeira parte da prórroga, e Diego Quintela conseguiría a igualada 6 a 6 cun lanzamento desde os 10 metros. Nos últimos segundos, Iker protagonizaría unha gran parada e levaría a eliminatoria aos penaltis ao deter o lanzamento de dobre penalti da Magna Navarra.

Na quenda de penaltis, os de Santiago non errarían, e sería o quinto lanzamento dos visitantes, no tiro de Javi Saldise que detén Iker López, o que daría a clasificación ao Santiago Futsal para os cuartos de final da Copa de S.M o Rei.

Sala de prensa

O adestrador do Santiago Futsal, Santi Valladares, compareceu en rolda de prensa tras o partido e referiuse ao mesmo como “Bochornoso”.

Valladares quixo resaltar o gran papel dos seus xogadores que “hoxe demostraron que por moita cana que lles meta, son unha auténtica piña.”

O adestrador engadiu que “O partido tivo fases. Ao principio estivemos fríos e a medida que avanzou fómonos acomodando. Eles fixéronnos danos nos rexeites e nós non aproveitamos os ataques en superioridade. Ao final tivemos acerto nos penaltis, traballarámolos moito.”

4 de novembro de 2014 | 23:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.