O Santiago Futsal cae ante o líder no último suspiro

Encontro do Santiago Futsal co Inter Movistar
Santiago Futsal recibía ao actual líder da liga, Inter Movistar, no partido adiantado da 11ª Xornada.
Nun encontro que comezou con imprecisións en ambos os conxuntos, as ocasións de perigo chegaban en tiros exteriores que non acertaban baixo os 3 paus. Borja tivo a primeira para os de Santiago pero Jesús Ferreiro, que protagonizaría máis dunha parada decisiva, estivo acertado na parada.
No ecuador da primeira parte, Cardinal, o xogador máis desequilibrante do encontro para os visitantes, marcaría o primeiro do partido e adiantaba así aos seus no marcador.
Diego Quintela tería a oportunidade de igualar o marcador, pero a meta visitante salvaría ao seu equipo da igualada antes do descanso.
Tras o paso por vestiarios, transcorridos seis minutos da segunda metade, unha man de Carlos Ortiz na área, levaría ao lanzamento de penalti co que Diego Quintela igualaba o partido.
Os minutos posteriores foron de gran intensidade. Santiago Futsal chegaba á meta contraria con fluidez, pero non precisaba na finalización.
No minuto 31, nun saque do porteiro Jesús Ferreiro, que se converteu en asistencia, Cardinal faría o 1-2 para os visitantes.
Aínda quedaba tempo para buscar o empate. Os de Santiago insistían con porteiro xogador en pista, e así foi como Dani ‘Chinés’, nun gran tiro exterior, poría o 2-2 no marcador no minuto 38.
Co empate no marcador, Inter Movistar arriscaría o último minuto do encontro con porteiro xogador. David Pazos poría o 2-3 cun remate ao segundo pau a falta de 10 segundos para o final, e nun roubo de balón dos visitantes no seu propio campo, chegaría o definitivo 2-4 que daba a vitoria aos madrileños.
Sala de prensa
Ao finalizar o encontro, o adestrador Santi Valladares compareceu ante os medios en rolda de prensa. O técnico quixo felicitar aos seus polo partido “Quero felicitar aos meus xogadores. Fixeron un partido completísimo contra o líder, o actual campión.”
Valladares analizou o encontro “O partido transcorreu tal como nós o preparamos. Sobre a cancha non se notou esa diferenza que hai na clasificación. Aínda que é certo que a calidade de Inter Movistar acábate matando. Dous goles de Cardinal, o gol págase. De todos os xeitos, fixemos un gran partido contra o líder.”











