O Santiago Futsal cae ante o FC Barcelona no Palau

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Santiago Futsal medíase na 12ª xornada de Liga ao FC Barcelona, nun partido que se presumía, a priori, moi complicado para os galegos.

O encontro comezou con dominio local, chegando á área dos galegos con moito perigo. No minuto 5 chegaría o primeiro gol de Ferrao, a pase de Lozano ao segundo pau. O pivote do Barcelona faría o segundo e o terceiro para os cataláns con apenas dous minutos de diferenza.

Co marcador en contra, con 10 minutos por diante da primeira parte, Santi Valladares decidiu xogar con porteiro xogador. Neses minutos chegaría con máis perigo o conxunto galego á meta contraria, probando a Cristian con disparos exteriores das botas de Pablo Tallón e Diego Quintela. Sería precisamente o capitán, Diego Quintela, o que reduciría diferenzas antes do descanso deixando o marcador 3-1 antes do descanso.

Tras o paso por vestiarios, a 30 segundos do comezo da segunda parte, Dyego faría o cuarto para o FC Barcelona, pero Lucas Bolo respondería 6 minutos despois volvendo deixar aos galegos a só 2 goles da igualada cun gol ao segundo pau a pase de Borja.

No minuto 33, Saad marcaría o quinto e deixaba o encontro moi costa arriba para os galegos. Nos compases finais, Lozano e Wilde (2) pecharían o marcador para os cataláns co definitivo 8-2.

Sala de prensa

O técnico do Santiago Futsal, Santi Valladares, compareceu ante os medios tras a conclusión do partido. O adestrador analizou o encontro “Ao Barcelona non se lle pode regalar nada, e co 2-0 nos primeiro minutos xa tiñan moito partido gañado. Tras o descanso e co partido aberto co gol de Diego Quintela, o cuarto deles ao empezar a segunda parte matounos. Apertamos un pouco co 4-2, pero a partir do 5-2 o equipo xa non puido facer máis. Era un David contra Goliat”.

Santi Valladares engadiu tamén que o equipo está nunha liña ascendente e que os resultados positivos chegarán “Quédanos moito por diante, e o equipo está a medrar e está a competir moi ben. Os nosos obxectivos son distintos, salvar a categoría conseguindo os puntos canto antes.”

28 de novembro de 2014 | 11:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.