O Salón Motor Classic, antigüidades e artesanía encherán máis de 7.000 metros cadrados na Estrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaCalendario
A-
A+

O calendario de eventos 2014 do recinto feiral estradense, culmina os próximos días 13 e 14 de decembro cunha dobre mostra expositiva dedicada ao mundo do vehículo clásico, as antigüidades e a artesanía.

Máis de 7.400 m2 de espazo expositivo, albergarán a un máis de sesenta firmas directas presentes, das cales, o 53% son anticuarios, o 27% recambistas e o restante 20%, firmas correspondentes a artesáns. A inmensa maioría das firmas pertencen á nosa comunidade autónoma, seguidas por outras de ámbito nacional (Madrid, Barcelona, Córdoba, etc…) . O certame, contará co atractivo que suporá a exposición de vehículos clásicos (automóbiles e motocicletas), contando á data con máis dun centenar de exemplares, pertencentes a coleccións particulares e diversos clubs, coa colaboración da Asociación de Vehiculos Clásicos da Estrada.

A organización do evento, habilitará, do mesmo xeito que na pasada edición, un espazo reservado para aparcadoiro de clásicos para todos os visitantes que se acheguen ao recinto nos seus vehículos clásicos ou históricos.A entrada será gratuíta e o horario de 10:00 – 20:00 h. Á data, están a perfilarse as actividades complementarias que darán cobertura ao certame. Neste sentido, Minicines Central en colaboración co recinto feiral, teñen programada unha función na que proxectarán a película “BURT MUNRO un soño, unha lenda”.

A proxección terá lugar nos cines da localidade, os días 12 (21.00 horas), 13 (20.00 horas e 22.30) e 14 (19.30 horas) de decembro. O prezo da entrada será de cinco euros, cun desconto do 20%, para o público que visite a exposición xa que, entregarase un vale no recinto feiral estradense para trocar no despacho de billetes de Minicines Central, reducíndose así o prezo da entrada a catro euros.

Unha curiosidade para os amantes e afeccionados ao mundo do motor e particularmente dos seareiros dos clásicos e históricos, que poderán observar como o neozelandés Burt Munro, nos anos sesenta, perfeccionou unha moto Indian de 1920 co obxectivo de bater un record de velocidade nas chairas de sal de Bonneville (Utah).

21 de novembro de 2014 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.