O Rio Natura Monbus Obradoiro sucumbe ante o Iberostar Tenerife
O Rio Natura Monbus Obradoiro sufriu a primeira derrota da tempada no Multiusos Fontes do Sar (63-82). O verdugo, o Iberostar Tenerife, que cunhas porcentaxes de acerto elevadísimos (72% en tiros de dous) dominou o partido de punta a cabo e impediu a reacción local no terceiro cuarto.
Repartíronse moi ben os puntos os homes de Alejandro Martínez. Catro xogadores alcanzaron os dobres díxitos, especialmente destacados Saúl Blanco ao final e o arxentino Nico Richotti (19 puntos e 22 de valoración). Brillaron polo Obradoiro Pavel Pumprla e especialmente Fran Cárdenas, que asinou un notable 80% de efectividade en triplos.
Temía Sar o potencial do Iberostar. Con Kleber lesionado, o Obradoiro afrontou o partido sen a súa referencia anotadora. Pasoulle factura ao cadro santiagués a ausencia do alemán, e aproveitaron os aurinegros para establecer unha solvente vantaxe xa de entrada. O grego Lampropoulos causou moitos problemas ao Rio Natura Monbus, con seis puntos e dúas capturas no primeiro cuarto. Cos interiores galegos desacertados, e a agresividade de Pavel non recompensada, foi Rafa Luz quen iluminou o ataque santiagués, atacando o aro e tamén de lonxe, deixando ao Obradoiro sete puntos por baixo ao termo do primeiros dez minutos (15-22).
Seguiu martilleando o combinado canario, coa irrupción de Richotti e Javi Beirán. O 2-9 co que arrincou o segundo cuarto puxo un perigoso 17-31 no marcador. Movía vertixinosamente a pelota o Tenerife, buscando a vantaxe interior, co extra-pass para o home exterior cando as posesións tocaban o seu fin. Richotti e Sekulic desesperaron a Sar coas súas accións certeiras tras boa defensa galega, mentres que na parcela ofensiva o Obradoiro atopábase co ferro unha e outra vez (28-46).
Mellorou ostensiblemente o Rio Natura Monbus á volta dos vestiarios. O esforzo defensivo deu os seus froitos, e o Iberostar empezou a ter dificultades para anotar. Comandado por Fran Cárdenas, que anotou 12 puntos en catro triplos, enganchouse de novo ao partido o Obradoiro e volveu crer na vitoria Sar. A afección apertou e converteuse no sexto home, levando polo aire a un Rio Natura que se achegou até os oito puntos (41-49). Con todo, un certeiro dous máis un de Nico Richotti devolveu a calma aos insulares. Tamén Pavel erixiuse en protagonista, atopando finalmente o camiño do aro e tamén inspirado desde o tiro de tres.
Durante os primeiros minutos do asalto definitivo as defensas impuxéronse aos ataques. O tempo corría a favor do Iberostar, e xestionaron perfectamente o ritmo San Miguel e Ricardo Úriz, xogando coas présas locais. Deu as últimas rabexadas o Obradoiro, que seguiu apoiándose en Pumprla (14 puntos, sete rebotes) e reduciu de novo a distancia por baixo do dez puntos. Replicou Saúl Blanco, con tres triplos en catro intentos, para terminar de axusticiar ao Rio Natura Monbus (63-82). Encaixou a primeira vitoria da tempada o Obradoiro na casa, mentres que segue crecendo o Iberostar Tenerife que suma xa tres vitorias neste arranque ligueiro.











